A realidade de Oleiros tápalles a boca

O noso tempo e a nosa enerxía están ao 100% ao servizo da veciñanza

As mentiras e as difamacións dos que queren tomar o Concello de Oleiros a calquera prezo non van deternos, nin desviar a nosa atención. Xa temos un longo percorrido que superou as tretas dos opoñentes políticos, os ataques da prensa-lixo e as marrulladas dos miserables.

O noso tempo e a nosa enerxía están ao 100% a servizo do interese xeral do noso municipio, non para responder a difamacións dunha oposición destrutiva. Así actuamos e así é que antes de finalizar o primeiro ano de mandato, son xa moitos os feitos cos que podemos seguir defendendo o noso traballo.

Tal e como nos comprometimos, comezamos a obra do multiusos de Bastiagueiro ou a reforma total de Santa Cristina; iniciamos a adquisición do solo para a senda costeira de Naval a Canide; temos aberto o proceso de formación de coopertativas de vivendas para a creación de 54 pisos a prezos inferiores aos de mercado; xa acabamos a rehabilitación da Finca Tenreiro; incrementamos os recursos para atención a persoas maiores nas súas casas; aumentamos as actividades complementarias á formación escolar… E imos poñerlle próximamente o colofón a obras xa iniciadas como as de Sol y Mar ou a do paseo fluvial de Iñás e San Pedro, entre moitas outras.

Tamén seguimos traballando para que as demais administracións cumplan con Oleiros. Na Deputación continuamos vixiantes para que o reparto de fondos sexa xusto; saímos á rúa para reclamar un centro de saúde digno para o norte do municipio na Casa do Mar de Mera; estamos á espera da formación do novo Goberno de Santiago para desbloquear a obra da vía Ártabra e falar de infraestruturas futuras para mellorar a mobilidade como a Artabriña ou o vial que vai da N-VI ata a AP-9 na Veiga; temos o compromiso do Goberno central de iniciar a ampliación da ponte Pasaxe e non imos aceptar que finalicen as obras do dragado da ría sen crear o paseo marítimo que conecte Beiramar con Cambre.

Esa é a maneira de facer país, de defender a igualdade social e de facilitar o progreso económico a autónomos e empresarios. Porque os que estamos en política nos debemos á cidadanía, a mellorar e crear os servizos públicos que se necesitan, empregando con responsabilidade os cartos públicos.

Esa é a política de Alternativa, a da honradez e a da eficacia. A das persoas honestas que queren aos seus pobos.

Comparte esta nova!