A decisión da Real Academia Galega de dedicar o Día das Letras Galegas 2027 a Xosé Neira Vilas constitúe un recoñecemento tan merecido como agardado a unha das figuras fundamentais da nosa literatura e da defensa da lingua e da identidade de Galicia. En Oleiros esta nova recíbese cunha especial satisfacción, porque a historia de Neira Vilas e a do noso concello mantiveron durante décadas unha relación moi estreita, construída sobre a amizade, o compromiso coa cultura galega e a defensa dun mesmo proxecto político.
A vinculación do escritor con Oleiros naceu en Cuba a mediados dos anos oitenta, grazas á amizade que estableceu co alcalde Ángel García Seoane. Daquela relación xurdiron importantes iniciativas, entre elas as xestións realizadas polo alcalde ante o presidente da Xunta, Manuel Fraga, para rehabilitar a casa natal do escritor en Gres, un paso decisivo para facer posible o seu regreso definitivo a Galicia.
Antes diso, en maio de 1989, Xosé Neira Vilas visitaba Oleiros para inaugurar o instituto de Perillo, ao que o Goberno de Alternativa dos Veciños decidiu darlle o seu nome, así como á rúa situada ao seu carón. Naquel acto, o escritor recibiu tamén a Medalla Castelao por parte do presidente Fernando González Laxe, nunha xornada histórica para o municipio.
Desde entón, Neira Vilas converteuse nun colaborador habitual da intensa actividade cultural promovida polo Concello. Participou en presentacións de libros, encontros con estudantes, conferencias e numerosos actos públicos, sempre coa mesma humildade, proximidade e compromiso coa lingua galega. Ao mesmo tempo, nunca ocultou o seu apoio ao proxecto político de Alternativa dos Veciños, do que valoraba especialmente a aposta decidida pola cultura, o ensino, a lingua e a defensa da identidade galega.
Autor de Memorias dun neno labrego, a obra máis lida da literatura galega contemporánea, Xosé Neira Vilas contribuíu como poucos á proxección internacional da nosa cultura. O seu legado literario e humano forma xa parte do patrimonio colectivo de Galicia.
Ao longo de 2027, o Concello de Oleiros desenvolverá unha ampla programación de actividades para homenaxear a súa figura e dar a coñecer ás novas xeracións tanto a súa obra como a profunda pegada que deixou na vida cultural do noso municipio.
A elección da Real Academia Galega non só honra un escritor excepcional; tamén recoñece unha traxectoria vital de compromiso con Galicia e confirma que Oleiros soubo estar ao lado dunha das grandes referencias da nosa cultura.