Alternativa dos Veciños presentou na Mesa de Comercio a iniciativa Cangas Conecta, unha campaña destinada a dinamizar o comercio local mediante un sistema sinxelo que incentiva as compras en diferentes establecementos do municipio. A proposta foi aprobada por unanimidade, demostrando que, cando hai vontade de traballar por Cangas, é posible alcanzar acordos.
A campaña pretende fortalecer o comercio de proximidade, premiando ás persoas consumidoras e favorecendo que unha compra xere outra compra noutro establecemento do municipio. O proxecto inclúe cupóns con premios, un sistema de pasaportes comerciais e incentivos para dinamizar a economía local.
O máis significativo desta reunión foi que Alternativa dos Veciños foi o único grupo que presentou unha proposta concreta para o comercio local. Mentres a nosa formación acudiu cun proxecto elaborado e aberto ao consenso, o goberno municipal non presentou ningunha iniciativa propia para o seu debate.
Desde Alternativa dos Veciños entendemos que facer oposición non é limitarse á crítica. O noso compromiso é traballar, elaborar proxectos, dialogar cos sectores afectados e achegar solucións que poidan ser útiles para Cangas.
Por iso lamentamos que esa actitude construtiva non atope a mesma reciprocidade por parte do goberno municipal. Cremos que a política local debería consistir en sumar boas ideas, independentemente de quen as presente, e non en desaproveitar iniciativas polo simple feito de proceder da oposición.
Seguiremos traballando coa mesma responsabilidade, facendo propostas, fiscalizando a acción do goberno e defendendo os intereses da veciñanza, porque estamos convencidos de que Cangas necesita unha oposición útil, seria e “propositiva”.