Invertir esforzos en difundir a poesía, nestes tempos nos que a beleza e creatividade están asociadas ao tik-tok e ás mensaxes curtas e rápidas, sempre é unha boa receita. E facelo da man dunha das grandes poetas do país, resulta extraordinario.
Yolanda Castaño, Premio Nacional de Literatura no ano 2023, dirixe unhas sesións multimedia que inclúe recitais da súa poesía e outros contidos no Teatro das Torres de Santa Cruz, por onde pasan centos de alumnas e alumnos dos centros escolares.
É parte do programa de actividades complementarias á formación educativa, que o Concello ofrece gratuitamente ás direccións e profesorado de todos os colexios e institutos, cun investimento global que sobrepasa o medio millón de euros.
Vídeos, poesía e palabra conflúen nesta actividade creativa e chea de engado para conectar con públicos máis familiarizados coa música ou o audiovisual que co xénero poético, ao que se quere achegar ao alumnado.
Sabemos que a lectura é unha formidable fonte de pracer máis alá da aprendizaxe. Así, co complemento da educación visual ofrécense claves emocionais para interpretar a poesía.