A mellora das redes comarcais da auga non se pode demorar máis tempo

Emalcasa e Xunta, obrigadas a financiar as obras

Aínda que a situación do embalse de Cecebre é moi boa -está practicamente en máximos-, existe un problema de subministro de auga na comarca da Coruña debido á insuficiencia das tuberías e do depósito do Espírito Santo de Emalcsa, que é quen vende aos concellos a auga. A non renovación por parte de Emalcsa das conducións xerais desde A Telva ata o depósito do Espírito Santo, podería provocar que ante un incremento do consumo Cambre, Bergondo, Sada e Oleiros se visen afectados, xa que recibimos auga desde ese depósito.

Tal e como levamos demandando desde Alternativa dos Veciños durante os últimos anos, a solución que hai que abordar sen máis dilación para poñer fin a este tipo de situacións pasa porque Emalcsa, igual que vende a auga aos concellos, finalice o proxecto para ampliar a sección das tuberías ata o depósito do Espírito Santos e as conexións cos concellos. A Xunta de Galicia tamén está obrigada a cofinanciar esta obra, dado o seu carácter supramunicipal, tendo en conta tamén que cobra un canon pola auga á cidadanía (en Oleiros 771.000 euros anuais), que non está a reinvestir nin en Oleiros nin nestas necesidades de ámbito comarcal.

Onde está gastando a Xunta eses cartos que recada non só en Oleiros, senón tamén en Cambre, Sada ou Bergondo…? Pois en numerosos convenios que na súa inmensa maioría son asinados con concellos nos que goberna o PP, que ascenden a 28 millóns de euros no seu conxunto. Por poñer un exemplo, o último firmouse a pasada semana co Concello de Boborás, na provincia de Ourense: 1 millón de euros para un municipio de 2.167 habitantes. Entre Oleiros, Cambre, Bergondo e Sada sumamos 90.000 habitantes.

Nun hipotético caso de colapso do sistema por esa falta de infraestrutura, Sada, parte de Cambre e Bergondo poderían quedar sen auga.  En Oleiros a existencia dos 11 depósitos construídos polo Concello permitiría garantir o subministro durante 2 ou 3 días; en principio, tempo suficiente para que o depósito do Espírito Santo se recuperase. De prolongarse a situación máis tempo, si podería haber problemas que afectarían a Dexo, Serantes, Maianca, Dorneda, Oleiros e Montrove; non ao resto de parroquias que reciben a auga desde a ponte da Pasaxe e desde a Costa da Tapia, onde non hai ningún problema.

Comparte esta nova!