Dende Alternativa queremos manifestar a nosa fonda preocupación pola falta de rigor e previsión do actual goberno municipal na xestión da obra na Rúa Estrela, un proxecto impulsado polo noso anterior goberno co obxectivo de preservar e respectar a contorna patrimonial da Colexiata de Cangas.
Cando liderabamos o goberno municipal, contratamos un arquitecto especializado en patrimonio para garantir que a intervención nesta zona se realizase co máximo respecto á riqueza histórica do lugar. Porén, o novo goberno decidiu prescindir deste profesional, baixo o argumento de reducir custos, segundo declaracións da propia concelleira de obras Sagrario Martinez, cando a dirección de obra se pode incluir dentro dos honorarios que cubre a subvención.
Estos días enterámonos a través da prensa de que apareceron achados arqueolóxicos na obra, a pesar de que no último pleno os representantes do goberno municipal aseguraron descoñecer calquera información ao respecto. É importante lembrar que a autorización de Patrimonio para executar esta obra establecía a obrigatoriedade de contar cun arqueólogo no proceso e seguir os protocolos correspondentes, algo que evidentemente non se cumpriu.
A falta de previsión e de coñecemento na xestión desta obra non só pon en risco o valioso patrimonio de Cangas, senón que ademais evidencia a incapacidade do actual equipo de goberno para protexer e xestionar axeitadamente os bens culturais do municipio. Unha decisión baseada no aforro económico resultou nunha grave irresponsabilidade que pon en cuestión a conservación do legado histórico da nosa vila.
Así mesmo, manifestamos a nosa preocupación sobre como se vai levar a cabo a propia execución da obra, xa que descoñecemos os cambios que o novo goberno puido ter introducido no proxecto, o que podería supoñer a perda da calzada orixinal e, con iso, do seu verdadeiro valor histórico e patrimonial.
Dende Alternativa esiximos explicacións ao goberno municipal sobre este grave incumprimento e reclamamos medidas inmediatas para corrixir a situación. Non podemos permitir que a inexperiencia e a falta de compromiso sigan afectando á protección do noso patrimonio.