A granxa de Lañas, en Arteixo, volveu ás andadas

Perxuízos aos veciños e veciñas que residen nos arredores desta explotación porcina

Alternativa dos Veciños denuncia que a granxa porcina do lugar A Ermida, na parroquia de Lañas, volve ter actividade e vólvense cometer irregularidades na xestión dos xurros

“Atendendo aos avisos recibidos por parte de veciños e veciñas da parroquia de Lañas e logo de visitar a zona onde se sitúa a explotación en cuestión, puidemos corroborar que a citada granxa volve ter actividade e séguense a cometer irregularidades no desenvolvemento da mesma, xa que se está a verter xurros a diario para a balsa aberta de polietileno –que esta é unha balsa de seguridade e non un pozo de xurros- o cal provoca un cheiro insoportable e unha praga de insectos, que afectan gravemente á saúde e calidade de vida dos veciños que residen nos arredores da granxa” apunta a Voceira de Alternativa dos Veciños, Noelia Martínez Canosa .

“Esta situación volvese dar logo de que no ano 2022 se levasen a cabo unha serie de reclamacións por parte de Alternativa dos Veciños e da veciñanza afectada ante o Servizo Territorial de Explotacións Agrarias e ante o Concello de Arteixo, que concluíu co acordo de que se regularizarían as instalacións e a actividade que se desenvolve nas mesmas. Pero, xa por aquel entón, puidemos comprobar como a regularización destas instalacións non ía ser a que corresponde de acordo coa normativa e as leis vixentes en relación coa actividade desenvolvida.

Lembramos que o propietario das instalacións presentara unha memoria valorada para solucionar todas as irregularidades que presentaba a granxa por un importe de 3.245€. Este é o importe que aparecía reflexado na memoria do proxecto que presentou no concello” explica Noelia Martínez. 

“A dia de hoxe, despois de numerosas reclamacións realizadas por parte de Alternativa dos Veciños e pola veciñanza, e logo dun longo período sen actividade nesta explotación agraria, agora as instalacións volven contar con actividade e vólvense producir irregularidades no desenvolvemento das mesmas, tal e como se pode comprobar nas imaxes que se achegan a esta moción. Unhas irregularidades que causan danos e provocan perxuízos aos veciños e veciñas que residen nos arredores desta explotación porcina. 

E é por isto, que presentamos unha moción ao pleno da corporación para solicitar que os técnicos competentes do Concello de Arteixo procedan a realizar unha inspección para comprobar que as obras desenvolvidas no seu momento para regularizar a granxa, desenvolvéronse de acordo as normativas e as leis vixentes en relación á actividade desenvolvida; para solicitar que, de ser preciso, se lle de traslado da situación ao Servizo Territorial de Explotacións Agrarias e, para solicitar, que, en caso de incumprimento da normativa e das obrigas relacionadas coa actividade desenvolvida, se proceda a clausurar a actividade da explotación gandeira e a suspender o funcionamento das instalacións ata o restablecemento da legalidade” matiza a voceira de Alternativa.

Comparte esta nova!