A educación é un concepto moito máis amplo que o que recollen os plans regrados. Sendo importantes, tamén o son outras materias que o sistema escolar non contempla como obrigatorias, pero que o Goberno municipal considera de relevancia máxima.
Coñecer o municipio, a contorna e o país mediante excursións, introducir na educación conceptos tan contemporáneos e de primeira magnitude como a sexualidade, a igualdade, a educación medioambiental, os hábitos saudables ou outros valores cívicos están na cerna do enorme despregue que se realiza desde o Concello para complementar as carencias do sistema educativo e axudar á cativada a medrar máis consciente e feliz.
O Concello de Oleiros dispón dun departamento dedicado a organizar o seu destacado apoio á educación a través de constantes colaboracións cos centros educativos de todos os niveis. Os claustros de profesores reciben cada ano a completo oferta de actividades pedagóxicas e elixen as que consideran máis interesantes para complementar os contidos de cada clase.
O Concello ofrece máis de 7.000 horas de actividades cos educadores necesarios aos centros de ensino público.