Moción de Alternativa solicitando liberdade de movemento para Domenico Lucano
O Pleno provincial aproba unha moción de Alternativa dos Veciños solicitando instar á embaixada italiana a que devolva a liberdade de movemento para o alcalde de Riace, Domenico Lucano, que estivo baixo arresto domiciliario ate a pasada semana e actualmente non se lle permite volver ao municipio no cal goberna.
Ángel García Seoane, voceiro do grupo provincial de Alternativa dos Veciños, defendeu este venres no pleno da Deputación da Coruña unha moción aprobada cos votos de todos os grupos agás o PP, que se manifestou contra desta moción. O grupo popular xustificou este voto acusando a Lucano de criminal e atacando ao Concello de Oleiros pola súa campaña de apoio a Riace nos paneis informativos. Ante estas acusacións, o alcalde de Oleiros e voceiro do grupo de Alternativa na Deputación, García Seoane, respondeu poñendo de manifesto as políticas de extrema dereita levadas a cabo en Italia e que o PP está a branquear: «Hai un alcalde que está sendo procesado por salvar vidas humanas, por instalar a familias enteiras no seu municipio e salvalo. Pero tampouco me estraña nada a actitude do PP, desgraciadamente, xa que está a derivar cara á extrema dereita máis semellante á que está a rexurdir en Europa».