A Delegación do Goberno, receptiva sobre os plans de Alternativa para a travesía de Guísamo

Bergondo aposta por unha humanización deste treito da N6, xa que Guísamo reclama un tratamento máis urbano

Fomento estudiará a posible transformación da N6 ao seu paso por Guísamo, unha humanización do espazo público que resulta necesaria para mellorar a calidade de vida da veciñanza. A receptividade da Delegación do Goberno para atender esta demanda de Alternativa dos Veciños canalizada a través do Concello de Bergondo foi recibida con gran satisfacción no grupo municipal.

Os concelleiros da Alternativa agardan igualmente que as obras e proxectos actualmente en marcha financiados ou xestionados directamente polos departamentos do goberno central (as rotondas da N6 en Guísamo, a travesía de Cortiñán, a contención de taludes no Regueiro e a reforma enerxética da Casa Consistorial) poidan avanzar sen contratempos e nuns prazos razonables.

Segundo un documento elaborado pola Alternativa dos Veciños, a avenida que cruza o principal núcleo da parroquia debe convertirse nunha auténtica travesía urbana, convertendo o que hoxe é só vía de paso nun lugar onde exista aparcamento suficiente, seguridade viaria, mobiliario urbano, árbores ou plantas, beirarrúas máis amplas libres de obstáculos e toda unha serie de actuacións ou elementos perfectamente compatibles co especificado para Guísamo no Plan de Mobilidade Sostible de Bergondo, documento aprobado e en vigor.

Comparte esta nova!