As persoas son o máis importante nas políticas da Alternativa. Durante as últimas décadas, a mobilidade peonil foi unha das prioridades do goberno municipal de Oleiros que se puxo como obxectivo que todos os pobos e urbanizacións estivesen conectados dun xeito seguro. Petar na porta da Xunta e a Deputación foi unha constante, xa que moitas das vías principais dependen desas Administracións.
Esto foi o que fixo o alcalde ao entrevistarse días pasados coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Marta Martínez Allegue, con quen se reuniu acompañado do Concelleiro de obras públicas, Antonio Molinos.
Foi para reclamar que construisen espazos para bicis e peóns en varios treitos autonómicos. Os máis urxentes, entre a igrexa de Serantes e O Cubo; desde República Arxentina ata o acceso á Vía Ártabra en Dorneda, e entre Regueiro Escuro e o Pazo de Juana de Vega en Nós.
Tres obras no norte, centro e sur do Concello que veñen ampliar os sobreanchos para dar espazo á mobilidade branda, de xeito segregado da motorizada, para que as persoas, a pé ou en bici, podan desprazarse de xeito seguro.
A seguranza vial tamén se vería mellorada na intersección existente diante do Teleclub de Montrove, onde é preciso construir unha rotonda que despache os tráficos a motor e preveña a seguridade das persoas que viven naquela contorna, atravesada pola vía que vai a Santa María de Oleiros e Sada.
Na rede autonómica existen tamén outras necesidades: entre O Cubo e a Casa do Pobo de Lorbé, entre Regueiro Escuro e o final do Concello na estrada de Abegondo, e entre Xaz e O Cobo, en República do Uruguai. Tamén é preciso reformar o espazo peonil da avenida de Isaac Díaz Pardo, un eixo fundamental entre o sur do Concello e a costa de Santa Cruz e Bastiagueiro.