Se unha empresa privada, neste caso Cal Pita, considera que o Concello de Oleiros está obrigado a pagarlle 49.000 euros sen xustificalos, deberá acudir aos tribunais. O que non é de recibo é que a Xunta se converta en cobrador do frac desta empresa e, en vez de facilitar a conexión do bus 1-A con Santa Cristina, diga que non hai bus mentres non se lle pague a Cal Pita.
Supostamente, todos os partidos políticos estamos a favor de que se use o transporte público. Agardamos que o PP tamén e que o novo conselleiro, residente en Oleiros, cambie a postura da súa antecesora.
O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, dirixiuse por escrito ao Concello da Coruña para solicitar a sinatura dun novo convenio que permita recuperar a conexión do bus 1-A con Santa Cristina. A recuperación deste servizo resulta de grande interese para o conxunto da cidadanía, máis se cabe este verán con motivo da realización das obras na avenida.
Para poñer en marcha este servizo, os concellos da Coruña e Oleiros e a Compañía de Tranvías deben asinar un convenio, ao que posteriormente debe dar o seu visto e prace a Xunta de Galicia. Por parte de Goberno municipal xa se lle comunicou á empresa Alsa a intención de recuperar esta liña de transporte.