A comarca da Coruña non pode seguir atrapada no colapso diario

Alternativa dos Veciños reclama a creación dun Consorcio Metropolitano de Transporte e esixe á Xunta que desbloquee as infraestruturas viarias pendentes para acabar co caos e os colapsos diarios

Desde Alternativa dos Veciños levamos anos denunciando que o maior problema que temos na comarca da Coruña é o da mobilidade e o tráfico. Pero para acabar con eses colapsos diarios que sufrimos nos accesos á cidade é imprescindible que Xunta e Estado completen dunha vez as infraestruturas viarias pendentes e que creemos un auténtico sistema de transporte público metropolitano, coordinado e eficaz.

Precisamente para ter un servizo de transporte que funcione, desde Oleiros defendemos a creación dun Consorcio Metropolitano de Transporte, liderado pola cidade da Coruña e no que participen Oleiros, Cambre, Culleredo, Arteixo…Un organismo que planifique as liñas, as frecuencias, as tarifas e os investimentos pensando nas persoas e non nas fronteiras administrativas, nin nas empresas concensionarias, como sucede agora coas liñas metropolitanas da Xunta.

A nova concesión do autobús urbano da Coruña é unha oportunidade histórica para dar o salto cara a unha verdadeira rede metropolitana. É o momento de deseñar un contrato flexible e capaz de adaptarse á futura creación do Consorcio e de permitir que os autobuses urbanos deixen de rematar na fronteira do municipio da Coruña.

“A Xunta acaba de anunciar estes días a contratación dun tramo da autovía da Costa da Morte, unha estrada que están utilizando 10.000 vehículos diarios… pero en cambio leva máis de 6 anos coas obras da vía Ártabra paralizadas, despois de cometer un montón de erros no proxecto e na contratación. Non deron ningunha explicación e están sometendo ao principal acceso da Coruña con máis 90.000 vehículos diarios a unha situación totalmente insufrible. E non só a Xunta, tamén o Ministerio de Transportes, que ten paralizada a contratación e a ampliación da ponte da Pasaxe”, comentou o alcalde Ángel García Seoane.

Sen infraestruturas viarias non haberá solución ao grave problema de mobilidade e tráfico que sufrimos na comarca da Coruña. “É urxente convocar unha reunión, e eu vou intentalo desde a Deputación, falando co presidente e cos concellos para esixir a construción das infrestruturas pendentes e a mellora do transporte público”, dixo o alcalde.

Comparte esta nova!