A Casa do Mar de Mera desfaise por fóra mentres a Xunta segue sen converter o edificio nun Centro de Saúde

Tivo que sair na prensa a evidencia do abandono, pois a Xunta non facía caso ás advertencias municipais

Levamos anos reclamando á Xunta a creación dun verdadeiro Centro de Saúde no edificio da Casa do Mar de Mera, utilizando a planta superior do edificio. Esa é a solución máis eficiente e realista para incrementar e mellorar a actual prestación de servizos médicos para os veciños e veciñas de Maianca, Serantes e Dexo.

Pero o máis grave xa non é que non se faga nada diso, senón que ata que non denunciamos na prensa a caída de cascotes das cornisas non tomaron medidas. E iso que había comunicacións oficiais por parte do Concello reclamándoo desde hai anos. Tiveron que sair na prensa fotografías explícitas dos cascallos polo chan para que se puxeran en marcha. Non servían de nada as insistencias municipais para que tomasen medidas, unha mostra máis da desidia, o abandono e o pasotismo da Xunta en relación coas súas responsabilidades.

Un abandono non só é por fora. A Consellería de Sanidade sigue cos ollos tapados ante as demandas da cidadanía, que necesita unha atención sanitaria estable, continua e normalizada, cos mínimos servizos de atención dun centro de saúde normal para os máis de 5.000 habitantes das parroquias do norte do municipio.

Comparte esta nova!