Cada vez que se achega un proceso electoral reaparece o debate sobre a Área metropolitana da Coruña. É positivo que se fale dela, pero moito máis importante é que se dean pasos reais para convertela nunha ferramenta útil para a cidadanía e non nun simple titular de prensa.
A constitución formal dunha Área metropolitana é un proceso complexo que require acordos institucionais e moita vontade política. Pero iso non pode servir de escusa para seguir sen actuar. Hai medidas que poden poñerse en marcha desde xa e que mellorarían de forma inmediata a vida de miles de persoas.
A prioridade debe ser a creación dun consorcio de transportes que coordine aos municipios da primeira coroa metropolitana (A Coruña, Oleiros, Culleredo, Arteixo, Cambre, Carral e Sada) e permita planificar de forma conxunta o transporte público e a mobilidade. É unha demanda histórica sobre a que nin a Xunta nin o Concello da Coruña deron pasos decisivos.
Cada día miles de persoas desprázanse entre estes concellos por motivos de traballo e estudo. Os atascos nos accesos á cidade xa non se producen só á primeira hora da mañá; tamén colapsan as saídas cara os municipios fora da Coruña e os desprazamentos en sentido contrario, porque a mobilidade é hoxe moito máis complexa e bidireccional do que era hai anos.
Os problemas están perfectamente identificados. O que falta é vontade para sentar ás administracións implicadas, acordar solucións e executalas. A cidadanía non necesita máis anuncios nin máis debates recorrentes cada catro anos. Necesita un transporte público coordinado, mellores conexións e unha planificación metropolitana que responda á realidade do territorio.
Alternativa dos Veciños leva anos defendendo que os grandes problemas da área urbana da Coruña non se resolverán con declaracións de intención, senón con acordos concretos, cooperación entre administracións e decisións políticas valentes. É o momento de pasar das palabras aos feitos.