A aposta polo Oleiros invisible das tubaxes

Grandes investimentos que non se ven: a rede de auga que nos achega un territorio de alta calidade

As obras que non se ven importan, ás veces, moito máis que as que están ao alcance da nosa vista. Son esas que se fan cando se constrúen beirarrúas ou se urbanizan algunhas zonas, pero tamén as que se deseñan intencionadamente para renovar as redes soterradas que van quedando antigas.

O ciclo da auga é o que máis utiliza subsolo, polo que as tubaxes conforman o que se chama “a paisaxe soterrada”, o que permite achegar auga limpa aos domicilios e reconducila, despois de utilizala, aos sistemas de depuración para devolvela á natureza nas mellores condicións.

Por iso son importantes as obras como as que estes días se realizan entre Montrove e Oleiros, ou as que teñen lugar na avenida de Salvador Allende, en Nós. Entre as dúas invístese preto do millón de euros, mais a acción do goberno da Alternativa non queda aí: renovaranse os treitos de tubería entre a Pezoca e a Quinta Canaima, e entre o depósito da Edreira e a rúa do Pazo.

Outra importante obra pública, que afecta a todo o Concello de Oleiros, pero temos que facela no territorio de Cambre, é a que traerá a auga que distribuímos por todo o concello a través da Costa da Tapia desde a ponte do Burgo. Unha obra que custa máis de 350.000 euros.

AquaOleiros

A esas importantes obras hai que sumarlles outros 5 millóns que quedan por investir desde a empresa pública AquaOleiros para ir substituíndo as tubaxes de fibrocemento da Avenida das Mariñas e algunhas das máis antigas de PVC nas parroquias de Dorneda, Maianca e Serantes.

O Oleiros soterrado que nos leva a auga ás billas cada día componse dunha rede de 11 depósitos de auga e 432 km de tubería que esixen unha atención constante e unha aposta pola optimización, xa que os rigores do cambio climático obrígannos a ter moito coidado co manexo da auga.

Unha aposta política pola atención contínua ás infraestruturas públicas, aínda que non se vexan, pois o que non se ve tamén ten que ser obxecto da nosa aposta pola calidade urbana.

Comparte esta nova!