A alcaldesa de Fisterra solicita á conselleira de Mobilidade humanizar a recta da Anchoa

Nunha xestión anterior xa lograran reducir a velocidade a 50Km/h e prohibir os adiantamentos

A Alcaldesa de Fisterra, Áurea Domínguez Sisto e o Tenente de Alcalde, Francisco Martínez Traba, mantiveron o mércores pola tarde unha reunión coa Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez Mourelle, para tratar a seguridade e a humanización da recta da Anchoa e, tamén para solicitar o asfaltado do tramo da estrada AC-445 que transcorre polo municipio de Fisterra.

Ao pouco tempo da chegada de Alternativa dos Veciños ao Goberno Municipal, a Alcaldesa Áurea Domínguez reuniuse co Xefe Territorial da Consellería de Infraestruturas, Felipe de la Vega Gándaras, para tratar, entre outros temas, a seguridade na recta da Anchoa.

Nesa reunión acadouse o compromiso do Xefe Territorial da Xunta de Galicia, o cal se comprometeu a reducir a velocidade a 50 km/h e a prohibir os adiantamentos en toda a reta da Anchoa. Tres semanas despois cumpría coa súa palabra e realizábanse os traballos acordados neste tramo da estrada autonómica.

“Nada máis chegar ao Goberno xa conseguimos que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia reducise a velocidade a 50 km/h e a prohibise os adiantamentos en toda a reta da Anchoa pero, aínda que moito por facer, xa que é imprescindible instalar pasos de peóns e comezar coa humanización de toda a recta da Anchoa” apunta a Alcaldesa de Alternativa dos Veciños, Áurea Domínguez Sisto.

“Podemos dicir que saímos con moi boas sensacións da reunión que mantivemos coa Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xa que se comprometeu a estudar o proxecto que lle presentamos e, se era viable, a poñelo en marcha o máis axiña posible.

A conselleira entende a necesidade urxente de instalar pasos de peóns neste tramo para garantir a seguridade das persoas” explica Áurea Domínguez.

“Esperamos que se poida desenvolver o proxecto que lle presentamos á Conselleira Ethel Vázquez e que se poida empezar a humanizar a recta da Anchoa coa instalación de seis pasos de peóns e os necesarios tramos de beirarrúas para poder instalalos” matiza a Alcaldesa Áurea Domínguez Sisto.

Comparte esta nova!