Continúa o despropósito no servizo de transporte público

A Xunta incrementa os tempos das viaxes de saída da cidade

A pasada semana abriu a estación intermodal, pero sen os servizos de tren e aparcamento de coches. Algo así como se tivésemos un restaurante pero sen cociña.

Como consecuencia desa apertura, a Xunta de Galicia impuxo aos buses metropolitanos pasar por esa intermodal. Un cambio nos actuais percorridos, que implica que tardemos aínda máis tempo en saír en bus da cidade; cando o que unha inmensa maioría necesita é entrar e saír rápido da Coruña; porque para movernos internamente pola cidade xa hai bus urbano.

Pero o despropósito continúa tamén co Concello da Coruña, que anuncia que vai licitar un novo contrato de transporte urbano por un longo período de anos, renunciando inicialmente a unha oportunidade histórica: incluír aos concellos de Oleiros, Cambre, Culleredo e Arteixo mediante a formación dun Consorcio Metropolitano de Transporte.

E, por se todo isto non fose suficiente, no horizonte aparecen restricións á circulación dos vehículos particulares. Pero ollo, non para todos. Só van castigar a aqueles que non poidan comprar un coche novo ou eléctrico; porque así o dita o loby automobilístico, que son os que impoñen as políticas medioambientais da Unión Europea.

Os mesmos que están a destruír o mundo coa súa contaminación, son os que nos condenan a unha falsa transición ecolóxica para incrementar os seus beneficios económicos.

Ante todo este panorama, a comarca da Coruña necesita planificación e coordinación entre administracións para abrir as infraestruturas viarias pendentes e dispoñer dun transporte público que funcione. O que está en xogo é o noso tempo, que se traduce en calidade de vida e na produtividade de empresas e autónomos.

Comparte esta nova!