Alternativa fai un chamamento a participar na folga xeral

A mobilización nas rúas deberá ter continuidade nas urnas

Nos últimos anos, o prezo da vivenda disparouse como consecuencia dunha especulación desproporcionada, favorecida pola falta de regulación e por políticas fiscais que benefician os grandes intereses do negocio inmobiliario. A esta situación súmase o fortísimo incremento dos custos de construción, causado polas guerras imperialistas e os conflitos internacionais impulsados por gobernos e dirixentes de extrema dereita, como os de Estados Unidos, Israel ou Ucrania, entre outros.

Despois de décadas de políticas de vivenda inexistentes, non se pode atribuír a responsabilidade ao actual Goberno, que ademais non contou cunha maioría parlamentaria suficiente para aprobar moitas das reformas necesarias.

Hoxe, en España, ter un emprego xa non garante poder emanciparse. Hoxe en España hai familias traballadoras que viven nunha habitación dun piso compartido porque os seus salarios non lles alcanzan para alugar ou comprar unha vivenda.

Por iso, desde Alternativa dos Veciños facemos un chamamento a participar na folga xeral convocada para este mércores. Nós estaremos na manifestación prevista para as 12:00 horas, con saída da praza da Palloza, na Coruña.

Pero a mobilización nas rúas non servirá de nada se non ten continuidade nas urnas. O vindeiro 29 de novembro podemos elixir os deputados que deberán investir o próximo presidente do Goberno e aprobar leis que necesitamos.

Mobilizarse é necesario, pero votar é imprescindible para poder cambiar as cousas. Este mércores á folga e o 29 de novembro ás urnas!

Comparte esta nova!