Feira do Mel, unha aposta pola apicultura galega

Este domingo, en Perillo, de 10 a 15 horas

Alternativa dos Veciños volverá converter este domingo Perillo nun punto de encontro para os produtores galegos coa celebración dunha nova edición da Feira do Mel, unha iniciativa que reúne 45 expositores procedentes de diferentes puntos de Galicia e que representa unha aposta decidida pola promoción dos produtos autóctonos e polo traballo dos pequenos produtores.

Desde Os Ancares ata A Raña do Sor, O Cebreiro ou As Pontes, apicultores chegados de toda Galicia ofrecerán directamente ao público os seus produtos, nunha feira que permite coñecer a procedencia do mel, valorar a súa calidade e apoiar economicamente a quen mantén viva esta actividade tradicional.

Para Alternativa dos Veciños, esta feira representa moito máis que unha xornada comercial ou festiva. Forma parte dunha maneira de entender a política municipal: os concellos deben implicarse na defensa da economía produtiva, apoiar a quen traballa e produce, promover os produtos da terra e crear oportunidades para os pequenos empresarios e profesionais. Fronte a un modelo económico no que os grandes distribuidores e as marcas comerciais acaparan cada vez máis espazo, AV defende a importancia de achegar os produtores aos consumidores e de facilitar a comercialización directa.

A Feira do Mel permite, ademais, reivindicar a importancia das abellas para a biodiversidade e o equilibrio dos ecosistemas, así como o labor dos apicultores que coidan do medio natural e manteñen unha actividade fundamental para o rural galego. É tamén unha oportunidade para distinguir o mel auténtico e de calidade fronte a produtos industriais e mesturas de procedencia pouco clara.

A actividade desenvolverase entre as 10:00 e as 15:00 horas e contará coas actuacións de Semente Nova (12:00 h) e da Banda Municipal (13:00 h).

Comparte esta nova!