Completar a costa libre de Oleiros, cada vez máis preto

O Concello contratará de inmediato as obras da senda costeira entre Naval e Canide

Unha costa pública e aberta, na que a cidadanía poida gozar do mar e do patrimonio natural do municipio. Ese é o modelo que defende Alternativa dos Veciños: preservar o litoral como un espazo de todos e para todos, fronte á privatización e á ocupación excluínte do territorio; e que continuará avanzando coa construción da senda costeira entre Naval e Canide.

A Xunta de Galicia acaba de autorizar a obra case un ano despois de que o Concello remitise a documentación e solicitase o correspondente informe á Xunta, en decembro de 2025. Unha demora inxustificable que impediu avanzar antes nunha infraestrutura que podería estar xa rematada e ao servizo da cidadanía se a Administración autonómica actuase coa dilixencia debida.

Existen fundados motivos para considerar que este atraso non foi casual, senón que responde a unha estratexia de bloqueo ao Goberno municipal de Oleiros por razóns exclusivamente partidistas. Unha vez máis, os prexuízos políticos parecen colocarse por diante dos intereses da veciñanza.

O Concello xa tiña realizado previamente todas as expropiacións necesarias para executar os 2,5 quilómetros de percorrido desta senda. En total, adquiríronse 29.631 metros cadrados correspondentes a 61 parcelas, todas elas clasificadas como solo rústico, cun desembolso municipal de 270.000 euros.

A nova senda entre Naval e Canide, xunto coas obras recentemente finalizadas do paseo Pepe Mujica, permitirá completar unha conexión continua mediante sendas e paseos peonís ao longo de todo o litoral de Oleiros.

Comparte esta nova!