Chamamento contra as pretensións de aprobar un restaurante privado no peirao de Aldán

Alternativa dos Veciños fai un chamamento á mobilización de toda a veciñanza e ás entidades do sector de Aldán e de Cangas para a presentación de alegacións para frear o proxecto.

O prazo legal para rexistrar alegacións e paralizar este proxecto vence o próximo mércores 4 de novembro de 2026. Alternativa incide na importancia de sumarse á recollida masiva de firmas e de presentar alegacións para esixir á Consellería do Mar que atenda o interese xeral e frear a privatización do peirao.

Para máis información e modelos de alegacións as persoas interesadas poden dirxirse ao Concello de Cangas ou o Rexistro Sede Electrónica da Xunta de Galicia (Procedemento IF508C).

A Consellería do Mar e Portos de Galicia (PP) tramitan a concesión de 315 m² de dominio público para un bloque acristalado de dous andares, 6,40 metros de altura e 40 m² voando sobre o mar. Máis do 85% do espazo (máis de 250 m²) destínase a negocio hostaleiro privado, relegando a venda de efectos navais a un espazo residual de só 22 m².

Privatizando desta maneira a escasa área operativa do peirao, eliminando espazo e aparcadoiro clave para a descarga de mexillón dos bateiros, as furgonetas dos navalleiros, as tarefas das rederas e a flota de cerco. Ademais, pon en risco o medio mariño ao executarse sen Avaliación de Impacto Ambiental sobre bancos de navalla e bateas contiguas.

O Grupo Municipal de Alternativa dos Veciños xa rexistrou un contundente escrito de alegacións ante a Xefatura da Zona Sur de Portos de Galicia para esixir o arquivamento e denegación íntegra do expediente (13-19-26-C2) promovido pola empresa Bracarense Atlántica, S.L. coa complicidade da Xunta de Galicia.

A tramitación iniciada polo Goberno autonómico do PP baixo o pretexto dun “edificio de actividades complementarias” agocha a entrega a mans privadas de 315 m² de Dominio Público Marítimo-Terrestre no peirao de Aldán. O proxecto contempla unha edificación masiva de dous andares (Planta Baixa + 1), 6,40 metros de altura, 440,50 m² construídos e 1.071 m³ de volume, que inclúe a pretensión de suspender 40 m² de restaurante directamente sobre a auga da ría mediante a fincaxe de pilotes no leito mariño.

Trátase dunha utilización perversa do espazo público: mentres o restaurante, a bar-cafetaría e a terraza privada acaparan máis de 250 m², a actividade verdadeiramente portuaria (venda de efectos navais) queda reducida a un habitáculo de apenas 22 m².

Dende Alternativa dos Veciños denúnciase que esta concesión prexudica de xeito grave e directo a quen vive e traballa no mar:

  • Ao sector pesqueiro e ao traballo digno: Nunha Área de Actividades Complementarias, ocupar esta explanada xunto á lonxa elimina prazas de aparcadoiro e espazo vital para a descarga e pesaxe de mexillón da flota de bateiros, o traballo diario das redes, a operativa da pesca de cerco e estacionamento dos navalleiros. Ademais, incumpre a Lei 31/1995 de Prevención de Riscos Laborais ao mesturar turistas e clientes con camións maquinaria pesada sen un Plan de Concorrencia de Tráficos.
  • Ao medio mariño e á calidade das augas: Preténdese autorizar a obra sen Avaliación de Impacto Ambiental (Lei 21/2013), omitindo o risco de verteduras e turbidez a escasos metros dos bancos marisqueiros de navalla, os polígonos de bateas e a praia de San Cibrán e Praia do Con do Sestadelo, nunha ría que xa sufriu a degradación sanitaria de Categoría A a B por varios episodios de verteduras.
  • Á veciñanza e á paisaxe: A construción dun bloque de 6,40 metros rompe a fachada marítima tradicional de Aldán e agrava o colapso de tráfico na zona.

Comparte esta nova!