A mala xestión de Nazaret pode custarlle a Cangas máis de 400.000 euros adicionais e tres anos de oportunidades perdidas para a vivenda social

A formación lembra que o goberno de AV deixou preparado o proxecto e a documentación técnica para solicitar axudas en 2023 e que, en 2024, propuxo reservar fondos municipais para rehabilitar as vivendas, sen que o actual goberno materializase a actuación nos prazos necesarios.

Alternativa dos Veciños denuncia a grave falta de planificación e execución do goberno municipal de Cangas na rehabilitación das vivendas sociais de Nazaret. A renuncia aos 200.000 euros concedidos pola Xunta non é un episodio illado nin un simple problema de prazos: é o resultado dunha sucesión de oportunidades de financiamento e de actuacións que, segundo AV, o Concello deixou pasar durante estes anos, mentres seis vivendas destinadas ao alugueiro social continuaron sen recuperarse na súa totalidade.

Un proxecto preparado en 2023 que non se impulsou a tempo

Cando Alternativa deixou o goberno municipal en maio de 2023 estaban preparados o proxecto de rehabilitación das vivendas de Nazaret, o certificado de eficiencia enerxética e a documentación necesaria para tramitar as axudas correspondentes. Nese mesmo periodo publicouse unha convocatoria do IGVS para actuacións de rehabilitación de edificios para vivenda pública.

A pesar de que o Concello dispuña dunha base técnica sobre a que traballar e tiña a posibilidade de dar continuidade á tramitación, o actual goberno non conseguiu materializar a rehabilitación mediante aquelas oportunidades iniciais e a actuación acabou chegando á licitación anos despois.

Av considera que cada convocatoria perdida supuxo unha oportunidade menos para recuperar vivendas públicas e ampliar os recursos municipais destinados a facilitar o acceso a un fogar. Non se trata, polo tanto, de analizar unicamente os 200.000 euros da última subvención, senón de examinar o custo acumulado da demora e as posibilidades de financiamento que Cangas deixou de aproveitar.

Tamén no debate dos orzamentos municipais de 2024, Av propuxo reservar fondos por un importe e 186.000 euros que foi incluida nos orzamentos municipais.

A pregunta que agora debe responder o goberno municipal é clara: que ocorreu cos fondos previstos para esta finalidade e por que non se traduciron na rehabilitación das vivendas nos exercicios correspondentes? Non abonda con explicar que a obra se atrasou ou que a última convocatoria non permite máis prórrogas. A veciñanza merece coñecer que se fixo con cada partida, que actuacións se impulsaron en cada ano e por que non se avanzou antes nun proxecto que xa contaba cunha base técnica preparada.

Perder a axuda non elimina o custo da obra: traslada o problema ás arcas municipais

A rehabilitación das catro vivendas foi adxudicada por 364.813,90 euros. A subvención da Xunta ascendía a 200.000 euros, pero o Concello comunicou finalmente que renunciaba a ela ao non considerar viable rematar as obras dentro do prazo establecido.

A consecuencia económica vai máis alá da perda da axuda. O Concello debe devolver os 200.000 euros xa recibidos e completar a rehabilitación con fondos propios, polo que terá que afrontar tanto o reintegro da subvención como o custo da obra adxudicada.

Alcanzando os 564.813,90 euros, sen contar posibles xuros ou outras consecuencias económicas. A cifra definitiva deberá concretarse tendo en conta os pagamentos xa realizados, as certificacións da obra e a liquidación da subvención. Polo tanto, perder a subvención pode representar unha carga adicional.

Ademais, se non se completa a actuación e non se resolve o financiamento dentro do exercicio de 2026, o Concello deberá explicar como se vai organizar a continuidade dos traballos e que repercusión terá nos orzamentos de 2027.

Tres anos de demora que tamén son vivendas que non chegan ás familias

O proxecto afecta a catro vivendas que están a ser rehabilitadas e forma parte dun conxunto de seis inmobles municipais que AV impulsou recuperar para destinalos ao alugueiro social.

Este tempo perdido non se mide unicamente en euros, senon nos anos que esas vivendas non estiveron dispoñibles para familias.

AV reclama ao goberno local que explique a cronoloxía completa do expediente, o destino das partidas municipais previstas, as convocatorias ás que non se concorreu e as medidas que adoptará para rematar as catro vivendas e avanzar na recuperación das dúas restantes.

Defender a vivenda pública é xestionala, non só manifestarse

Resulta especialmente contraditorio que representantes do BNG, PSOE e IU, integrantes do goberno municipal, participen en mobilizacións en defensa do dereito á vivenda mentres, desde as responsabilidades de goberno, non se materializan actuacións.

Non abonda con criticar a falta de políticas de vivenda doutras administracións se, cando se teñen competencias e recursos propios, non se aproveitan as oportunidades dispoñibles.

Nin abonda con acudir ás manifestacións nin con proclamarse defensor da vivenda pública. Cando se ten a responsabilidade de gobernar, hai que traballar, tramitar as axudas, executar os orzamentos e poñer as vivendas ao servizo da veciñanza.

Os dereitos non se defenden só con discursos: deféndense con políticas públicas e resultados.


«Non cremos na dereita, pero tampouco nunha esquerda que se limita a dicir que o é mentres deixa sen executar políticas que son fundamentais para garantir dereitos. En Cangas, Alternativa dos Veciños defende unha esquerda útil, que planifica, xestiona e transforma os recursos públicos en solucións reais para a xente. Porque a esquerda tamén se demostra gobernando, e a única esquerda real en Cangas é Alternativa dos Veciños.»
.

Comparte esta nova!