Autobuses que martirizan a clientes

Incríble falta de coordinación e sentidiño do transporte metropolitano de cercanías na Coruña coa entrada en servizo da nova estación

A nova estación de autobuses da Coruña é unha estación de longo percorrido, non de cercanías. Afastala do centro da cidade, das principais liñas de autobús urbano e das máis concorridas vías de penetración na cidade foi unha decisión pensada únicamente para a intermodalidade entre tren e autobús, con moi pouca óptica metropolitana.

Os transportes metropolitanos deben responder á mobilidade máis cotiá e estar ben interconectados coa rede de transportes da cidade central, algo que desde a Xunta nen se fixo nen se ve vontade algunha de abordar, posto que sempre se negaron a crear un Consorcio de Transportes para racionalizar rutas, optimizar frecuencias, realizar intercambios e unificar tarifas.

A falta disto, como cada rede de transporte fai a súa propia batalla en prexuizo da cidadanía, hai algúns anos e tras moitas demandas, atoparon a solución lóxica de levar os autobuses metropolitanos ao centro urbano, algo que foi tomado como unha solución aceptable, pero que aletargaba esa necesaria interconexión entre os transportes de fóra da cidade e os de dentro.

Xa era un absurdo total que os autobuses que chegaban á Pescadería tivesen que tocar a estación de autobuses de Catro Camiños para recoller viaxeiros de longo percorrido. Pero a peregrinaxe de rúas semafóricas á que se someterán a partir de agora os autobuses da comarca será o que definitivamente anule a xa renqueante eficacia que tiñan viaxes metropolitanas.

Necesitamos unha ubicación de cercanías ou un simple deseño de transporte metropolitano integral. Mentres que isto non ocorre, a Alternativa dos Veciños, a través do Concello de Oleiros, solicitou o establecemento dunha lanzadeira de autobús entre o centro e a nova estación, deixando as rutas metropolitanas polos percorridos máis curtos en función do seu itinerario e permitindo esa conexión para longo percorrido.

A Xunta, xa que non move moi ben os autobuses porque non sabe atar en curto ás empresas concesionarias e se nega a constituir ese ente metropolitano de transportes, debe alomenos mover ficha e permitir que os autobuses flúan mellor entre as orixes e o destino da inmensa maioría das persoas.

Ademáis de definir os novos percorridos, a que non se atreven a presentar públicamente un estudio dos tempos de viaxe previstos polas enrevesadas novas ruta?. Os resultados serían devastadores.

Comparte esta nova!