Hai unha indignación xeralizada en España, á que nos sumamos desde Alternativa, polo sucedido a pasada semana en Madrid con Mari Carmen. Unha señora de 87 anos á que botaron pola forza da súa casa. Nin era unha ocupa nin deixara de pagar o aluguer, pero era a última veciña dun edificio co que queren especular. Para desfacerse dela subíanlle a renda de 500 a 2.650 euros.
Todo esto sucede porque o capitalismo máis salvaxe e avaricioso ten carta branca en España e en gran parte do mundo. A partir daquelas políticas neoliberais iniciadas nos 70 e 80 por Reagan, Thatcher e compañía… os Estados foron paulatinamente despoxados da súa capacidade de control ata o punto no que estamos hoxe, no que hai empresas que teñen máis poder que os Gobernos nacionais.
Aquí en España; Suárez, González, Aznar, Rajoy… foron progresivamente vendendo o país con leis e normas que provocan que os funcionarios do Estado, en vez de protexer aos nosos ancianos ou ás familias, defendan a empresas carroñeras e mafiosas. Unha vergoña nacional!
E se un Goberno central non ten capacidade de intervir sobre o mercado da vivenda para poñer fin á grave situación que sufrimos en España, moito menos ningún Concello, en contra do que algúns demagogos ladran, e que seguramente escoitaremos moito tamén durante os próximos meses preelectorais.
A España que queremos unha inmensa maioría non é esta, que deixa na rúa a unha señora de 87 anos cun 50% de discapacidade. A España que queremos tampouco é a das familias que teñen que vivir nunha habitación dun piso compartido, nin a da mocidade que non lle alcanza nin todo o seu salario para independizarse. Xa está ben de soportar esta situación. PP, VOX e Junts votaron en contra do decreto do Goberno para impedir casos como os de Mari Carmen. Urxe que os deputados que nos representan no Congreso lexislen dunha vez en beneficio das persoas e non nos sigan vendendo ao mellor postor.