O Tribunal Supremo considera que hai españois de primeira e de segunda; que uns temos dereito a voto e outros non; porque segundo os maxistrados do Supremo o “resultado electoral deseado por los españoles que ya figuran inscritos correctamente en el censo electoral” podería verse alterado pola Lei de Nietos. Como dixera Vargas Llosa nunha convención do PP hai que “votar bien”.
Pero se a xustiza española realmente quere garantir “el derecho del pueblo español a decidir su futuro” como tamén di o Tribunal Supremo no auto, debería comezar por non seguirlle o xogo á extrema dereita que continuamente alenta a paranoia dun pucherazo no sistema electoral español.
Desde os distintos partidos políticos debemos lanzar unha mensaxe clara á cidadanía de que todos eses pantasmas non existen. En España é imposible manipular os resultados electorais mediante un pucherazo.
O que si existe en España e en todos os países do mundo, son grandes medios de comunicación e redes sociais con grande capacidade de alterar os resultados electorais mediante a difusión de información falsa, de enquisas manipuladas, ocultando candidatos e mesmo modificando as percepcións psicolóxicas sobre a realidade a través das redes sociais como xa fixeron en Reino Unido, Brasil, Arxentina ou Estados Unidos para as vitorias de Jonson, Bolsonaro, Milei ou Trump. Igual aquí pronto escoitamos tamén a Abascal ofrecernos 5.000 euros a cada cidadán se VOX gana as próximas eleccións.