O 10 de setembro cúmprese un ano da traición que sufrimos en Carral por parte do señor Mouriño e dos tránsfugas que pisotearon o que os veciños e veciñas votáchedes nas últimas eleccións para arrebatarnos a Alcaldía e o Goberno. Presentaron unha moción de censura sen causa nin xustificación —entre outras cousas, deixamos o Concello cun remanente económico de máis de 2 millóns de euros despois de collelo en bancarrota— e pasados todos estes meses demostraron que non teñen proxecto para Carral. Non fixeron nada.
Iso si, aproveitáronse de todo o noso traballo para vendelo como propio: melloras e asfaltados de camiños, saneamentos en diversas parroquias, proxecto das gradas do campo de fútbol dos Capelos, reforma do Complexo Deportivo, mellora da pista de tenis,… Mentres seguen sen resolver asuntos que iniciamos nós como a continuidade do saneamento nas parroquias, a contratación de servizos como
limpeza e xardinería, ordenanzas de servizos sociais…
Foi un ano de mentiras continuas e de promesas que non serán realidade: depuradora nova do Quenllo, o novo centro de saúde, a residencia de maiores, o Plan Xeral de urbanismo, o derribo das casas dos mestres e ampliación do CEIP Vicente Otero, a ampliación do Polígono Os Capelos… Actuando sempre desde a imposición e sen diálogo cos veciños, familias e asociacións, como demostra o intento de implantar a Formación Básica no IES sen contar co equipo directivo nin coa comunidade escolar.

