Alternativa denuncia o esquecemento de Santa Marta nas analíticas de baño

O grupo amosou hoxe a súa indignación tras coñecer que a praia de Santa Marta quedou fóra das zonas consideradas óptimas para o baño na listaxe oficial para este verán. Esta decisión confirma os peores prognósticos tras un ano no que o areal sufriu constantes episodios de verquidos fecais que o goberno local non foi quen de solucionar.

Dende Alternativa lembran que en sesións plenarias anteriores xa se instara ao Goberno Municipal a incluír este areal e a tomar medidas definitivas. “Non podemos permitir que unha das nosas praias máis usada pola nosa veciñanza quede condenada polo abandono do sistema de saneamento”, sinalan.

Segundo as denuncias recollidas nos últimos meses, Santa Marta sufriu manchas de residuos e cheiros insoportables que representan un “grave problema de saúde pública” e unha ameaza para os recursos marisqueiros da zona.

A formación veciñal non se conforma coa xustificación oficial de que o sistema de bombeo se ve superado polas choivas. Por iso, Alternativa dos Veciños vén de presentar un escrito no Concello esixindo que a empresa concesionaria, UTE Gestión Cangas, meta de inmediato unha cámara pola rede de saneamento que pasa en paralelo á praia. “Queremos saber se existen fugas ou roturas na tubaxe que estean agravando o problema. Non vale con dicir que o sistema funciona ben mentres os residuos seguen saíndo ao mar polas rocas de O Cantón”, denuncian dende o grupo.

Alternativa dos Veciños considera que existe unha “falta de control” sobre a empresa xestora e esixe que se lle apliquen responsabilidades por incumprimentos contractuais. A formación anuncia que non parará ata que Santa Marta recupere a calidade ambiental que merecen tanto a veciñanza como os bañistas.

Comparte esta nova!