Alternativa reclama actuacións en distintos puntos de Castro Laxe

Alternativa trasladou ao pleno municipal diferentes necesidades da veciñanza de Castro Laxe tras manter varios encontros e realizar unha visita pola zona.

O grupo sinala que as principais preocupacións céntranse no mantemento dos espazos públicos e na seguridade viaria, así como o sentimento de abandono por parte do goberno local.

Entre as demandas trasladadas destacan:

– Melloras nos traballos de limpeza e roza, reclamando maior control e aviso previo á veciñanza para facilitar a limpeza completa das rúas.

– Actuacións no regato da zona, afectado pola maleza e polo deterioro do cercado de protección.

– Solucións para varias estradas con fochancas, así como explicacións sobre a renovación de pavimento anunciada na vía Tuto e na rúa Castro Naval.

– Reparación do peche e das porterías da pista deportiva.

– Reubicación dunha praza de estacionamento para persoas con mobilidade reducida que actualmente dificulta o paso de vehículos e o acceso a unha vivenda.

Alternativa defende a necesidade de avanzar cun mantemento equilibrado en todas as parroquias e considera prioritario reforzar os servizos básicos e a seguridade viaria en zonas como Castro Laxe.

Comparte esta nova!