Alternativa dos Veciños de Carral reclama á Deputación da Coruña solucións urxentes ás inundacións en Taramuño

O grupo presentou un escrito ante a Deputación da Coruña para reiterar unha demanda veciñal ante as inundacións que se veñen producindo no lugar de Taramuño, na parroquia de San Vicente de Vigo, ao longo da DP-2106.

As vivendas da zona están a sufrir inundacións recorrentes debido ao mal estado e falta de mantemento das cunetas, unha situación que xa foi denunciada en varias ocasións ao longo de 2025 tanto por Alternativa dos Veciños de Carral como polos propios veciños, que chegaron a presentar un escrito acompañado de sinaturas.

Dende a formación reclámase á Deputación:

A limpeza inmediata das cunetas existentes.
A execución de novas canalizacións e cunetas de seguridade, dando continuidade ás xa existentes, co obxectivo de evitar futuras inundacións e garantir a seguridade viaria e das vivendas.

Alternativa dos Veciños de Carral lembra que, malia existir comunicacións previas e un compromiso verbal por parte dos capataces para executar estas actuacións, a situación segue sen resolverse, mantendo un risco evidente para a veciñanza.

“Estamos a falar dun problema coñecido, reiteradamente comunicado e que afecta directamente á seguridade e ao benestar dos veciños e veciñas da zona. Non se pode seguir adiando unha solución que é necesaria e urxente”, sinalan dende Alternativa dos Veciños de Carral.

A formación insiste en que continuará defendendo os intereses da veciñanza e solicita á Deputación da Coruña que actúe canto antes para poñer fin a esta problemática.

Comparte esta nova!