Xunta: que pasa co CEIDA?

A conselleira de Medio Ambiente, que ostenta actualmente a presidencia do CEIDA, leva un ano sen acudir ao centro

O CEIDA leva case dous anos cun convenio e uns estatutos caducados e, a pesar de existir acordo entre as administracións para a súa renovación, a Xunta de Galicia mantén bloqueado o proceso. Tampouco se convocou a praza de dirección, polo que o centro continúa sen director.

A situación resulta especialmente difícil de entender nunha entidade que leva case trinta anos desenvolvendo un traballo fundamental na investigación, divulgación e educación ambiental en Galicia. O CEIDA naceu en 1997 por iniciativa do Concello de Oleiros, que cedeu o Castelo de Santa Cruz para a súa sede e asumiu o seu mantemento. A Xunta de Galicia achega dous terzos do financiamento e a Universidade da Coruña o terzo restante.

A parálise da Xunta resulta aínda máis incomprensible tendo en conta que a conselleira de Medio Ambiente do Goberno galego, que actualmente exerce a presidencia do CEIDA, leva un ano sen acudir ao centro. Durante este tempo celebráronse reunións e mantivéronse contactos, pero as cuestións fundamentais para garantir a estabilidade da entidade continúan sen resolverse.

Non se poden tolerar xestións coma esta cun centro destas características, e menos aínda cando está situado nun espazo municipal tan emblemático como o Castelo de Santa Cruz. Cómpre desbloquear de inmediato a renovación do convenio e dos estatutos e convocar a praza de dirección. Se a Xunta realmente aposta pola continuidade do CEIDA, debería explicar por que leva dous anos deixando pasar o tempo mentres unha institución fundamental para Galicia permanece nunha situación de incerteza.

Se esta é a maneira de coidar unha institución que debería estar entre as súas prioridades, haberá que preguntarse que máis ten que pasar para que a Xunta decida ocuparse dela. O CEIDA e os seus traballadores precisan estabilidade, dirección e unha administración que asuma as responsabilidades que lle corresponden, non dous anos de bloqueo e un centro sen director.

Comparte esta nova!