QUE É A ALTERNATIVA DOS VECIÑOS?
Alternativa dos Veciños é un xeito diferente de facer política.
Somos un movemento progresista e plural que respecta ante todo a entidade ideolóxica das persoas. Un movemento asembleario nacido en Oleiros en 1979, formado por homes e mulleres que loitan por unha sociedade xusta e solidaria na que todo o mundo poida vivir dignamente.
A política de Alternativa dos Veciños fomenta unha administración pública máis transparente, máis áxil e comprometida coa veciñanza. Unha política desde abaixo, con vocación de servizo e feita por xente honesta, onde non caben os intereses particulares e mafiosos.
O POR QUE DA CANDIDATURA
O municipio de Fisterra atópase nunha situación moi complexa, tras décadas perdidas en canto a crecemento, desenvolvemento e avances do municipio, e é por iso, que desde Alternativa dos Veciños pensamos que o Concello de Fisterra necesita urxentemente un cambio de rumbo para poder reverter as decisións erróneas e as malas políticas que se veñen facendo e, que como consecuencia das mesmas, provocaron a actual situación de decadencia do municipio.
Precisamos dunha xestión seria e comprometida co municipio para xerar un futuro de oportunidades.
A nosa forma de xestionar o público está avalada por 44 anos de políticas eficaces na consecución do benestar. Non somos un experimento de laboratorio nin un partido de novo cuño só preocupado pola imaxe. Somos persoas comprometidas, dispostas a loitar por mellorar a calidade de vida, os servizos públicos e o benestar dos nosos veciños e veciñas. Chegamos dispostos a levantar as alfombras, varrer o po e encher de aire fresco a vida política de Fisterra.
O NOSO COMPROMISO CON FISTERRA
Desenvolvemento Urbano Sostible, Chan e Vivenda
O Plan Xeral de Ordenación Urbanística é o motor de desenvolvemento dun concello. Un documento que fomenta a calidade de vida e permite un crecemento urbano sostible no que o medio ambiente prevaleza sobre o cemento.
Defendemos un marco legal que permita a cada persoa saber a cualificación da súa propiedade e onde pode e non pode construír, eliminando a incerteza e establecendo unha legalidade que sirva como referencia.
Inexplicablemente (incluso con maiorías), o actual equipo de goberno formado pola coalición PSOE-BNG, nos 8 anos que leva á fronte do concello, non foi capaz de facer outra cousa máis que aprobar un Plan Xeral que levaba preto de 20 anos metido nun caixón.
O PXOM aprobado non resolve os graves problemas urbanísticos que existen no municipio, nin tampouco serve de axuda na consecución de solucións para as necesidades que presenta o municipio.
COMPROMISOS:
Redacción e elaboración dun novo Plan Xeral que solvente as necesidades existentes no municipio e que se adapte á realidade actual de Fisterra, asegurando un marco legal de urbanismo que garanta un crecemento sostible e amable co medio ambiente.
Axilizar os tramites de aprobación das licenzas de obra e de actividade.
Realizar un estudo económico para mellorar e abaratar os prezos dos servizos de iluminación, limpeza viaria e saneamento.
Conveniar e resolver os deslindes do concello que están pendentes cos concellos limítrofes.
Infraestruturas e Servizos
Mentres outros concellos da comarca avanzaron en canto ao desenvolvemento de servizos e infraestruturas, o concello de Fisterra aínda conta con moitas carencias que son básicas no século XXI e, moito máis, no ano 2023.
Son varios os núcleos de poboación que carecen de rede de sumidoiros e de rede municipal de auga sanitaria. Tamén, as vías de accesos aos núcleos rurais aínda son aquelas feitas pola concentración parcelaria do ano 1979.
Logo, en canto a prestación de servizos, tamén contamos cun notable atraso con respecto a outros municipios da contorna, cando deberiamos ser pioneiros por ser unha referencia do turismo a todos os niveis e, principalmente por ser o fin do camiño de Santiago.
COMPROMISOS:
Mellorar e modernizar os equipamentos e a edificación da Casa do Concello.
Facer chegar a rede de auga sanitaria e rede de sumidoiros a todos os núcleos de poboación.
Mellorar as vías municipais de acceso aos núcleos rurais.
Reformar, ampliar e dotar de servizos os paseos marítimos de Fisterra e Sardiñeiro.
Crear novas prazas de aparcamento no casco urbano.
Negociar coa Deputación da Coruña o traspaso dalgunhas estradas municipais, coa condición de que as arranxen de inmediato e realicen mantementos de xeito periódico.
Iniciar a tramitación dun paseo peonil e carril bici que vaia por toda a costa do noso municipio, desde Sardiñeiro ata Fisterra.
Crear áreas recreativas e miradoiros en Talón, o Facho, a Nave, Seoane e Rostro.
Optimizar o mercado municipal e o mercadillo.
Incorporar un técnico en xestión catastral ao persoal municipal.
Apertura do Albergue Municipal, da Oficina de Turismo, do Museo da Pesca e do Faro de Fisterra durante todo o ano.
Posta en marcha do cemiterio de Cabanas.
Traballo Digno e Redución do Paro
O paro é unha das maiores lacras que azouta este país desde o inicio da crise financeira do 2008. Sendo Fisterra un referente da pesca e do turismo na rexión da Costa da Morte, é un dos concellos da comarca máis castigados pola problemática do paro.
O envellecemento da poboación fai do emprego xuvenil unha das grandes prioridades políticas. A crise elevou de xeito catastrófico os índices de paro nos máis novos. Temos a xeración máis e mellor preparada da historia, cun capital humano envexable. É unha irresponsabilidade permitir que ese capital se vexa obrigado a emigrar.
É unha obrigación dos responsables políticos propiciar un contexto que asegure unhas condicións de vida e traballo dignas para a xuventude.
Tamén provocou a perda do emprego en persoas cunha vida laboral avanzada e que agora se atopan con moitas dificultades para reincorporarse ao mundo laboral.
Desde os concellos temos a capacidade de mellorar en parte eses índices de emprego na poboación e contribuír ao crecemento global.
Nunha sociedade denominada de benestar, todo o mundo ten dereito a un traballo cunhas condicións dignas e, desde Alternativa dos Veciños loitaremos para tentar convertelo nunha realidade.
COMPROMISOS:
Apostar por novas políticas activas de emprego que se axusten á realidade socio-económica do concello.
Crear un departamento integrado por profesionais cualificados para asesorar e axudar desde o concello na posta en marcha a novos emprendedores.
Desenvolver programas de colaboración para que as veciñas e veciños se integren con maior facilidade nunha actividade laboral a través de centros de formación, espazos para o fomento do emprendemento e obradoiros de inserción laboral.
Facilitar a integración das persoas con discapacidade para impulsar a súa incorporación ao emprego.
Promover e divulgar axudas procedentes das diferentes administracións dando asesoramento e orientación.
Aprobar unha RPT (Relación de Postos de Traballo) conforme ás necesidades reais, a cal contemplará como se realizará e levará a cabo tanto a provisión como a cobertura das vacantes dos postos resultantes, garantindo sempre os principios de mérito e capacidade.
Potenciar o comercio local, a hostalería, a pesca e marisqueo e o turismo e, impulsar os produtos agrarios, gandeiros e forestais.
Crear un banco de terras para o seu arrendamento e posta a disposición de posibles interesados.
Conceder beneficios fiscais ás empresas que se instalen no concello e contraten traballadores en paro do noso municipio.
Crear un Plan de Desenvolvemento Turístico Local que contribúa a poñer en valor toda a nosa riqueza patrimonial e natural, para conseguir que Fisterra sexa un destino natural de calidade e excelencia.
Benestar na Terceira Idade
As políticas de Alternativa dos Veciños dirixidas a persoas maiores teñen como fin último a súa calidade de vida e o seu benestar de forma inclusiva e participativa, transformándoos en protagonistas das súas decisións e outorgándolles a posibilidade de ter un envellecemento activo e dinámico na súa propia contorna.
Doutra banda, tamén existen situacións concretas e individualizadas que motivan a necesidade dunha serie de servizos de atención persoal, flexible, de proximidade, en definitiva unha atención que cubra todo os ámbitos para que os nosos maiores poidan vivir con dignidade.
Todos os servizos e programas do municipio serán flexibles e adaptados a todas as necesidades e deben estar orientados á consecución da mellor calidade de vida posible. As políticas de benestar social son o compromiso de Alternativa dos Veciños cos nosos maiores e coas súas familias.
COMPROMISOS:
Asegurar o correcto desenvolvemento e atención dos nosos maiores implementando e ampliando políticas tales como o Servizo de Axuda no Fogar, Comida Sobre Rodas e Teleasistencia.
Impulsar a creación dun Centro de Día e Lecer.
Acordar un convenio cos taxistas municipais para garantir o acceso dos veciños do rural aos servizos esenciais. Isto é especialmente importante para toda a xente maior ou con menos recursos, para que poidan acudir a servizos tan importantes como o Centro Médico, á Farmacia, ao Banco ou ao Concello.
Defensa da Sanidade e Educación Públicas
A imposición das políticas neoliberais, en moitos eidos da vida política, está a favorecer procesos de privatización nos servizos públicos, comezando desde os sectores estratéxicos da economía e rematando por servizos básicos e imprescindibles dentro dun Estado de Benestar como son a Educación e a Sanidade.
Aínda sendo estas dúas competencias autonómicas, desde Alternativa dos Veciños pensamos que os concellos teñen que levar a cabo unha defensa forte do sistema público de Sanidade e Educación a todos os niveis.
Entendemos que desde a xestión do benestar da nosa cidadanía, os concellos poden tamén incidir na mellora do estado de saúde global e a vida cultural.
COMPROMISOS:
Rehabilitar o edificio da Casa do Mar para crear un novo Centro de Saúde adaptado as necesidades esixibles.
Realizar as xestións pertinentes para mellorar a atención primaria no noso Centro de Saúde.
Promover a actividade física a través de actividades impulsando campañas de concienciación para favorecer os hábitos de vida saudables.
Impulsar a posta en marcha no concello dun programa de Prevención e Actuacións sobre Drogodependencias.
Proporcionar máis medios para mellorar a calidade e a eficacia da atención especializada que prestan os servizos sociais.
Solicitar á Consellería de Educación a reforma e modernización dos Centros de Educación Pública do noso concello, esixindo a adaptación da rede de centros á nova realidade tecnolóxica.
Posta en marcha de programas para concienciar á poboación sobre a tolerancia cero coa violencia de xénero, para que este problema sexa residual impulsándoa nos colexios públicos no ensino desde a infancia.
Realizar campamentos de intercambio de idiomas.
Ofertar campamentos para nenos e nenas en espazos naturais.
Información ao Servizo da Veciñanza
Nun mundo cada vez máis deshumanizado, antisocial e preso da inmediatez e das novas rutinas de consumo, a poboación ten, paradóxicamente, máis posibilidades de sufrir desinformación.
Os medios de comunicación de masas queren exercer sobre nós a súa influencia tentando manipularnos, respondendo así a unha lóxica mercantilista na que prima a exclusiva e o morbo sobre o dereito a unha información veraz. Por estas razóns, os concellos teñen a obriga de garantir na medida das súas posibilidades e competencias a creación de espazos que sirvan á cidadanía para acceder a unha información de proximidade.
COMPROMISOS:
Crear un periódico municipal informativo.
Dotar das infraestruturas necesarias para que todos os núcleos rurais do municipio teñan conexión a Internet de alta velocidade.
Instalar rede Wifi en todos os edificios públicos e prazas públicas.
Instalar paneis electrónicos informativos en todas as parroquias.
Poñer en marcha medios de formación para facilitar o acceso e comprensión da Administración Electrónica aos veciños.
● Cultura, Deporte e Xuventude
Outro dos problemas fundamentais da nosa sociedade é que a cultura está sendo relegada a un papel residual dentro das políticas públicas. As veciñas e os veciños teñen dereito a gozar de ferramentas que fagan a súa vida cultural máis rica.
O deporte é outro dos nexos de unión máis importante e enriquecedor entre veciños. Non pode ser que este concello adoeza a estas alturas de certos equipamentos deportivos, actualmente nun estado moi precario.
COMPROMISOS:
Promocionar obradoiros e actividades, crear e fomentar exposicións artísticas, charlas e coloquios, presentacións de libros e documentais.
Potenciar a biblioteca pública e os centros sociais e de lecer.
Realizar obradoiros de lectura e escritura, festivais de música, poesía, danza e artesanía.
Poñer en marcha un verdadeiro Centro Cultural, onde as distintas asociacións e artistas dispoñan dun espazo con salas de ensaios, con aulas de formación, con espazos onde as agrupacións e artistas poidan amosar o seu traballo.
Promover e patrocinar festas gastronómicas e romarías típicas.
Mellorar e modernizar das instalacións do Campo Municipal de Fútbol.
Reformar todo o interior do Polideportivo Municipal.
Mellorar os parques infantís e adaptar os mesmos para que nenos e nenas con problemas de mobilidade poidan desfrutar das instalacións.
Poñer en marcha o proxecto “O deporte como formador da persoa”, no que se preste especial atención ao deporte de base, deporte feminino e inclusivo.
Achegar as actividades deportivas e culturais a todas as parroquias.
Axudar e colaborar coas diferentes entidades deportivas, culturais e inclusivas.
Creación da Casa da Mocidade.
O noso Medio Ambiente e Patrimonio Natural
Pensa no teu Concello. Pensa no lugar que ocupa no mapa. Non estamos nun punto privilexiado? Non é Fisterra un lugar cunhas oportunidades inmellorables? Por desgraza a mala xestión e a falta de preocupación pola contorna provocaron que Fisterra sexa máis coñecida polo abandono do noso patrimonio natural e do medio ambiente onde abunda o feísmo tan tristemente asociado a certas zonas de Galicia, onde o abandono gaña a batalla e os parques e zonas verdes brillan pola súa ausencia.
Un dos órganos vitais do proxecto político de Alternativa dos Veciños é a defensa do patrimonio natural e do medio ambiente. Son os nosos pulmóns.
A defensa deste patrimonio non é unha simple cuestión programática: está no noso ADN.
COMPROMISOS:
Rehabilitar o Campo da Igrexa.
Reconstruír os accesos de todas as praia do municipio, pensando nas persoas con mobilidade reducida.
Recuperar e reparar os camiños reais e pistas forestais.
Axilizar o servizo de recollida de enseres.
Eliminar vertedoiros ilegais.
Mellorar a limpeza de maleza en todas as parroquias.
Recuperar as concas hidrográficas, crear sendas verdes e realizar un mantemento preventivo dos leitos en todos os rios do concello.
Recuperar os muíños de Rostro e Sardiñeiro.
Aumentar o número de contedores e illas de reciclaxe para todas as parroquias, garantindo a seguridade e a estética. Mellorar o servizo de recollida e aprobar unha ordenanza municipal para regularizar os horarios de deposito do lixo.
Realizar campañas de divulgación e información sobre a reciclaxe para coidar e protexer o medio ambiente.
Realizar campañas para concienciar e formar a poboación nas obrigas e coidado dos animais.
Restaurar e manter os lavadoiros, fontes e cruceiros existentes no municipio, ampliando servizos na contorna dos mesmos.
Mobilidade, seguridade viaria e cidadá
Un dos grandes retos que ten por diante o noso concello é o desconxestionamento do tráfico do centro do pobo, xa que na actualidade existen grandes problemas de circulación e de seguridade viaria. Tamén, a creación de novas prazas de aparcamento para liquidar o grave problema que sufrimos en tempada alta, cando a Fisterra chegan miles de visitantes e a situación convértese en caótica ao non contar con prazas de aparcamento.
Doutra banda, tamén debemos adoptar medidas para emendar os frecuentes problemas de seguridade cidadá que se están a producir nos últimos tempos e que afectan de forma directa á poboación.
COMPROMISOS:
Cambiar a localización da parada de autobuses, que na actualidade atópase no medio do centro urbano do municipio e provoca un caos absoluto en canto a circulación e seguridade viaria.
Regular a circulación viaria na estrada de subida ao faro e crear un aparcadoiro situado na contorna.
Demandar á Xunta de Galicia a humanización da recta da Anchoa, coa correspondente adopción de medidas para garantir a seguridade viaria dos peóns na estrada AC-445, principalmente ao seu paso por Escaselas e Anchoa.
Solicitar a Xunta de Galicia medidas de seguridade viaria na estrada AC-445 para os peregrinos e camiñantes que teñen que cruzar a estrada desde o monte de Sardiñeiro cara Talón.
Cambiar todas as marquesiñas existentes nas paradas de autobús e instalar novas nas paradas onde non existan.
Executar un plan de sinalización de todo o municipio. Sinalización de lugares, puntos de interese e servizos.
Realizar as adaptacións necesarias para facilitar o acceso ás persoas con mobilidade reducida, eliminando barreras arquitectónicas.
Instalar pasos de peóns intelixentes.
Dotar de máis luminarias a todos os núcleos rurais.
Reforzar a seguridade cidadá, ampliando e actualizando se fose necesario os convenios cos corpos e forzas de seguridade.
Xestionar coas empresas de transporte de autobuses e coa Consellería de Mobilidade, a implantación dunha liña directa Fisterra- Santiago, principalmente de venres a domingo para facilitar os desprazamentos dos estudantes do noso municipio.
Honestidade, Transparencia e Participación Cidadá
Vivimos nun momento no que a cidadanía, cada día, está máis desencantada coa política. Este fenómeno cobra sentido desde o punto de vista da lacra da corrupción, que afasta ao político da veciñanza. Ten sentido que unha persoa perda a esperanza na utilidade da política se cada día se destapan grandes escándalos de corrupción no seo dos grandes partidos, e mesmo dos de nova creación.
Así e todo, desde Alternativa dos Veciños defendemos a política como unha ferramenta da cidadanía para acadar o progreso e o benestar, sempre desde a honestidade e a comunicación coa veciñanza. Así o levamos practicando desde hai décadas a través dun sistema de asembleas e entidades sociais que permite a opinión directa da poboación e achega a política ás veciñas e veciños.
Moitos partidos políticos levan a transparencia como fío condutor nas súas campañas mentres as súas accións demostran o contrario. Para Alternativa dos Veciños a transparencia non é unha promesa electoral, é o noso compromiso con todos e todas vós.
COMPROMISOS:
Realizar asembleas abertas semestrais en todas as parroquias para que sexan visibles as inquietudes dos veciños.
Facer participe a veciñanza na elaboración dos orzamentos anuais.
Crear unha plataforma dixital mediante a cal os veciños poidan achegar as súas peticións.
Axilizar a atención aos cidadáns á hora de realizar xestións no concello.
Supervisar a execución da obra pública.
Traballar con transparencia, legalidade e eficiencia na xestión municipal.
Implantar un Plan de modernización para mellorar a xestión interna do concello.
Realizar auditoría de contas.
Mancomunidade da Comarca de Fisterra e Servizos Mancomunados
A Mancomunidade da Comarca de Fisterra naceu alá por xaneiro de 1995 para xestionar a traída de auga cuxas obras estaban a piques de terminar e, aínda que se falou marabillas do que ía supoñer e de todas as posibilidades que abría, o certo é que mentres noutros puntos de Galicia xoga un papel relevante; aquí quedou practicamente reducida a iso, a unha sociedade de veciños cunha traída de auga en común.
Alternativa dos Veciños é un movemento que cre na xestión pública pero non nas duplicidades. Moitos políticos están desexando crear novos entes e organismos para poder seguir vivindo das rendas.
Nós defendemos e propoñemos dotar de competencias a existente Mancomunidade da Comarca de Fisterra como unha suma de forzas na que todos gañamos. Sen duplicar cargos nin competencias. Un proxecto que sitúe a nosa comarca á vangarda do Estado en moitos ámbitos.
Desde Alternativa dos Veciños pensamos na Mancomunidade da Comarca de Fisterra como un ente que, fronte á fricción actual por certos intereses partidistas, sexa un instrumento que permita afrontar certas políticas de xeito conxunto e nunha dirección que mellore substancialmente a calidade de vida de todos os habitantes desta comarca.
Grazas a esa suma poderemos demandar a xestión conxunta de servizos a nivel comarcal, como recollida de lixo, a limpeza de vías, o mantemento da rede de sumidoiros e o servizo de grúa entre outros.
Única alternativa real para Fisterra
A experiencia que outorga a boa xestión é unha garantía de gobernabilidade. Alternativa dos Veciños leva anos demostrando que é posible gobernar e sacar adiante un municipio.
É necesario mudar as cores da corporación municipal e tinguilas de verde e amarelo. Só así se pode asegurar o avance de Fisterra. Súmate a nós. Somos a Alternativa dos Veciños: comprometidos co local e pendentes dos problemas reais da veciñanza. Desde a experiencia, o diálogo, o traballo e o bo facer.
Non vos defraudaremos!!!
REFLEXIÓN FINAL
Agora que chegaches até o final queremos agradecer que dedicases o teu tempo a coñecer as nosas liñas de actuación. Gustaríanos facerche unha proposta: cando vaias ás urnas este próximo domingo 28 de maio, pensa con detemento se realmente o teu Goberno municipal está a cumprir co mandato das súas veciñas e veciños. Pensa si mereces vivir nun concello que no ano 2023 aínda non conta con servizos e equipamentos que son básicos ; cunha oferta cultural, deportiva e de ocio reducida; cunha falta de información sobre a xestión de goberno.
Sentes realmente que este Goberno representa a túa forma de entender o presente e o futuro para Fisterra?
Se non é así. Se cres que chegou o momento de que se teña en conta a túa opinión, de ter un Goberno que se preocupe de verdade polo teu concello, polos problemas reais da xente e polo progreso da comarca con máis potencial da Costa da Morte, elixe este proxecto. Elixe Alternativa dos Veciños como garante de renovación. Por un concello singular distinto. Hai Alternativa!
VOTA ALTERNATIVA DOS VECIÑOS