A beleza das pezas sobre a herba do parque Luis Seoane, conformando a curva máxica da cultura ibérica do barro agocha importantes detalles que a convirten nunha feira única, valente, desacomplexada, fora dos estereotipos e toda unha festa para os sentidos. En definitiva: unha feira moi moi alternativa.
O primeiro porque é sobre todo unha aposta cultural, que naceu o día que José María Kaydeda (1920-2006), pintor, muralista, escultor, gravador, poeta e ensaísta, hai máis de 30 anos aparece no Concello para facer unha homenaxe ao seu nome: Oleiros.
O veterano artista, home de potente carga intelectual, ofrecía ao concello a súa colección de 5.000 pezas de barro e outros obxectos, que durante toda a súa vida recollera pola península ibérica. Pezas que conformaban a mellor escolma alfareira existente na península e que foi o núcleo do museo que él mesmo dirixiu ata o seu pasamento.
Nace Alfaroleiros
Ao pouco tempo nacían outras iniciativas, encamiñadas a que o museo non fose só un simple almacén de pezas. O concello creaba Alfaroleiros, unha feira tan simple como efectiva: Oleiros convida, abonando gastos de traslado e estadía, a máis de vinte alfares de toda a península para que vendan as súas pezas.
Era o xeito de apoiar a un sector en franca decadencia, toda vez que o barro xa non é o protagonista das nosas vidas domésticas, como antes acontecía, e as familias que viven destes obradoiros teñen cada vez menos ocasións de colocar as súas pezas no mercado, abraiadas polas producións insutriais e baratas que adora a economía consumista de hoxe.
O turismo
Esta aposta por un produto sinxelo e fermoso que potencia a identidade municipal e recolle a memoria colectiva das vellas telleiras que existían no concello é, 30 anos despois, capaz de converter Santa Cruz nunha das máis destacadas e orixinais apostas de ocio e comercio. É aquí onde conecta con outra dimensión interesante: o turismo.
Traballar a identidade, as tradicións seculares, a antiga vida das persoas, a memoria colectiva é un instrumento máis da imaxe de Oleiros como destino turístico, á par doutros valores como a paisaxe, os grandes parques, o patrimonio arquitectónico, os cantís do norte ou os recoletos xardíns de cada recuncho do noso territorio.
Natureza e economía
Unha dimensión económica que conecta directamente coa pertenza ao territorio da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, que ten no desenvolvemento económico relacionado coa natureza unha das súas principais fortalezas.
O barro é, no só por cinco días, senón durante todo o ano, parte dese compoñente humano da natureza que reside tras a xestión cultural da Alternativa, poñendo en valor iniciativas como a Escola Municipal de Alfarería, as distintas actividades do Museo dos Oleiros ou as interaccións como as que mantén con outros departamentos do Concello como os de Cultura ou Servizos Sociais.
Facer turismo, ocio e cultura alternativa sen perder o norte polas dinámicas que marca o mercado é un dos grandes logros desta feira xa veterana. E facelo sen perder o sentido da elegancia e a distinción, ofrecendo esta plataforma comercial ás persoas que aínda viven do barro, é un dignísimo xeito de combinar ocio, cultura e economía, ofrecendo produtos distintos, únicos e interesantes ao resto da cidadanía.
A Xunta non apoia porque ten poucos galegos
Con todo, isto non abonda para que a Xunta considere a Feira como un evento de interés galego, e por iso non ofrece financiación, como si o fai a toda canta festa do grelo, a faba ou a tortilla hai polo país adiante.
A resposta non pode ser máis noxenta: non apoia Alfaroleiros porque este tipo de feiras, para recibir diñeiro da Xunta ten que ter alomenos un 70% de vendedores ou vendedoras galegas, o que equivale a equiparar Alfaroleiros a un mercadillo urbano para artesáns, plataformas igual de dignas que a nosa, pero que teñen únicamente un sentido económico, sen o compoñente cultural que subxace tras cada posto artesán de Alfaroleiros.
A feira sí que recibe apoio da Deputación da Coruña, tal como enfatizou o seu vicepresidente, Xosé Regueira (BNG) na inauguración.
A “propina” da banca
Outra entidade na que se buscou apoio, Abanca, ofrecía 900 euros. Sen palabras. Fóron rexeitados pola organización municipal, tal como destacou o alcalde, Ángel García Seoane, na inauguración desta trixésima edición da máis importante feira do barro do país.