O Goberno municipal de Culleredo marcha de vacacións co Concello sen xestionar
O Goberno municipal de Culleredo adiantou o pleno de decembro ao mércores 19 sen convocar comisións informativas nin xunta de portavoces e cun aviso menos de 24 horas antes da sesión para marchar de vacacións antes de tempo.
José Ramón Rioboo, alcalde de Culleredo, convocou o pleno o pasado mércores 19 de decembro de xeito extraordinario e urxente, sen convocar previamente absolutamente ningunha comisión informativa, sen avisar aos grupos coa antelación precisa e sen facer unha xunta de portavoces. Deste xeito, e con máis de 2,5 millóns de euros en facturas reparadas pola Intervención, o Goberno local leva xa case unha semana de vacacións de Nadal, co Concello sen xestionar e, ademáis, despois de botarlle a culpa ás funcionarias e funcionarios municipais por marchar de vacacións coas cousas sen facer. Un escándalo.
Desde Alternativa dos Veciños denunciamos esta actitude de pasividade do Goberno. Obviamente todo o mundo ten dereito a vacacións e a desfrutar do seu tempo libre nestas festas. Non obstante, é criticable o xeito no cal o Goberno do PSOE se desentende das súas obrigas para coas veciñas e veciños de Culleredo, marcha unha semana antes de vacacións, e ademais culpa ao funcionariado. Nós seguiremos a traballar para, neste 2019 que entra, ofrecerlle a toda a veciñanza de Culleredo unha alternativa real fronte á ineficacia do actual Goberno de Culleredo.