O edificio que estamos facendo en Bastiagueiro xa empeza a facerse un oco na paisaxe. Será un tambor de formigón e cristal no centro do Bosque dos Veciños, cunha potente visibilidade desde a avenida de Che Guevara. Será, ademais, un dos vértices da vida cultural e ata económica de Oleiros.
Unha construción que avanza con pasos de xigante, ofrecéndonos xa parte do que será a súa iconografía arquitectónica, como unha enorme flor de luz que se constrúe para encher de vida as súas paredes e a alma dos seus visitantes.
Sala de concertos, espazo de feiras, sede de congresos… Múltiples maneiras de presentar Bastiagueiro como centro de citas interesantes. Espectáculos, arte, reunións, convencións, convocatorias que conformarán escenarios diferentes, todos eles cheos de interés para os hoteis e a hostelaría local, xa que se sitúa a pouca distancia de Santa Cristina, Perillo e Santa Cruz, onde se concentra a maior oferta de ocio do municipio.
Un epicentro cultural situado a uns 20 minutos camiñando desde o alto de Perillo, desde Santa Cristina e desde Santa Cruz, unha equidistancia desde a que achegarse a algunha das súas múltiples salas para eventos ou ao espazo central, cun número de asentos variable e adaptable en función da demanda.
Como di o seu arquitecto, Fernando Martínez, “un edificio flexible, capaz de albergar distintos usos, onde cada apertura converte o natural en escenario e o cotián en experiencia. Unha lembranza de que a arquitectura pode ser soporte, umbral e horizonte… todo ao mesmo tempo”.