Mesmas bestas asasinas

Repaldo xudicial á expresión política libre nas institucións democráticas

Sair un pouco das estruturas do políticamente correcto, expresar a carraxe colectiva, compensar a linguaxe edulcorada dos medios convencionais ou poñer na rúa mensaxes que moitísimas persoas non se atrevan a verbalizar aínda que o pensen. Son algunhas das motivacións que nos impulsan a difundir contidos cheos de intención e significado a través de medios como as pantallas electrónicas.

Se importantes son as farmacias de garda ou os concertos de corais, tamén facemos un espazo para quen sofre o cruel rigor de bombas asasinas ou a vil persecución daqueles seres humanos que nada teñen que ver co petróleo, a inversión inmobiliaria ou os grandes capitais que moven o noso mundo occidental.

E poderíamos facelo cunha linguaxe elegante, finolis. Unha máscara lingüística para o que estamos lendo se acomode sin máis ás nosas mentes felices e despreocupadas. Algo así coma poñer un traxe de tafetán a unha noiva que non se pode duchar porque non hai auga corrente.

Podemos dicir “Paz para Palestina”, ensinar unha sandía aberta ou dicir simplemente que paren as bombas. Pero preferimos provocar sensacións de asco e terror dicíndoo así, como o dicimos nos bares despois do partido: “Mesmas bestas asasinas” sobre as fotografías de Hitler e Netanyahu. 

Unha entidade sionista, como esas que patrocinan equipos ciclistas ou controlan Eurovisión, sentiuse ferida e, inspirada na política interior israelita, quixo prohibir as nosas mensaxes, polo que foi a un xulgado a dar a matraca co aldraxe ou algunha outra das miserias que sustentan o seu relato colonialista e imperialista.

E a xustiza púxoos no seu lugar: nada que dicir. A liberdade de expresión ampara estas mensaxes, por moito que adoezan quen xustifica o xenocidio ou o vil asesinato de milleiros de persoas simplemente porque llelo din as súas Sagradas Escrituras.

A sentencia, por certo, dí que as mensaxes están amparadas polo dereito á liberdade de expresión e a crítica política e condena á asociación denunciante a abonar as costas xudiciais.

É un xeito, sin custo público, de posicionarse en favor das vítimas, de mandarlles unha mensaxe de amor e dignidade ante o noxento sofrimento persoal e colectivo que viven ante a indolencia do resto do mundo. Un xesto ademáis que complementa a nosa activa política de cooperación internacional: a que envía medicinas ou mobiliario, misións médicas, constrúe equipamentos ou axuda a vítimas da pobreza ou a persecución. Grazas a institucións públicas, sociais, relixiosas ou de calquera outra natureza, que garanten con certeza que os fondos se invirten no que se necesita e non quedan polo camiño.

Comparte esta nova!