Investir en medios, persoal e servizos públicos é investir directamente na seguridade cidadá

As recentes intervencións do Servizo Municipal de Salvamento e Socorrismo en dúas paradas cardiorrespiratorias na praia de Mera poñen de manifesto a importancia de contar con servizos públicos ben dotados e profesionais preparados

Dúas intervencións recentes na praia de Mera, nas que tanto o Servizo Municipal de Emerxencias coma o de Salvamento e Scocorrismo participaron na atención de dúas persoas que sufriron paradas cardiorrespiratorias, son un exemplo claro de por que dispoñer de servizos públicos fortes, ben equipados e con profesionais preparados non é unha cuestión secundaria, senón unha prioridade política.

Onte unha muller de 85 anos foi rescatada da auga tras sufrir un desvanecemento e unha posterior parada cardiorrespiratoria. Os socorristas de Mera, persoal do 061 e o Servizo Municipal de Emerxencias traballaron durante varios minutos nas manobras de recuperación ata conseguir estabilizala, sendo posteriormente evacuada en helicóptero ao CHUAC. No operativo tamén participaron a Policía Local e a Guardia Civil. Apenas dez días antes, un home de 73 anos fora rescatado inconsciente da auga no mesmo areal e puido recuperarse grazas á rápida intervención dos equipos de socorrismo e emerxencias.

Non son só cifras ou partidas orzamentarias, son persoas. Detrás de cada intervención hai persoal formado, medios materiais, organización e recursos públicos que deben estar dispoñibles cando se produce unha emerxencia. Estas situacións demostran o valor dunha política baseada no reforzo dos servizos públicos, que se defenden con feitos, xestión e tamén cos recursos económicos necesarios para mantelos e melloralos. A seguridade, as emerxencias, a sanidade, a educación ou os servizos sociais non son gastos dos que se poida prescindir, pois son a rede que garante que a cidadanía estea protexida cando máis o necesita.

Situacións como estas tamén deberían facer reflexionar a quen segue apostando por reducir ou privatizar os servizos públicos. Porque fronte aos discursos que cuestionan o seu valor, están os feitos: profesionais preparados, medios públicos e unha resposta rápida que nestes días volveu ser determinante para salvar vidas. Os servizos públicos de Oleiros non necesitan máis argumentos para demostrar a súa importancia; son as súas propias actuacións as que dan cada día máis razón a quen defende a súa protección e reforzo.

Comparte esta nova!