Que é Alternativa?
▻ De onde vimos? Alternativa naceu a finais dos anos 70 do pasado século, cando as veciñas e veciños de Oleiros nos organizamos sobre todo para frenar a especulación inmobiliaria que amenazaba ao municipio.
▻ Que pensabamos? Viamos que se deixabamos que os partidos tradicionais gobernasen o concello ían converterse en correas de transmisión dos poderes económicos (especialmente a construción) que estaba destrozando o país, deshumanizando o urbanismo e enchéndoo de feísmo.
▻ Que fixemos? Desde as entidades veciñais decidimos constituír unha estrutura política propia para presentarnos ás eleccións, xa que así tiñamos a posibilidade de decidir nós sobre o noso municipio.
▻ Sería difícil, non? Foi. Soportamos moitísimas presións, campañas de desprestixio e mesmo ameazas, pero resistimos coa forza da boa xente de Oleiros.
▻ Que conseguimos? Iso está á vista: o Oleiros que hoxe tes diante é froito do noso traballo abnegado de moitas persoas ao longo dos anos. Neste programa electoral tes un pequeno resumo das nosas políticas.
▻ Que che propoñemos? Continuar mellorando nesta liña de traballo, facendo de Oleiros ese lugar guapo, distinto e singular que tanto orgullo nos produce e do que tanto se fala como exemplo de xestión.
▻ Vota Alternativa. Sempre queda moito por facer. Para non arruinar a nosa preciosa paisaxe e seguir xestionando o concello con sensatez, honradez, transparencia e valentía; pedímosche o apoio para a nosa candidatura o 28 de maio.
Movernos mellor
O aumento da poboación obríganos a ir desenvolvendo a infraestrutura prevista na planificación urbanística municipal.
No seu dia, a Vía Ártabra resolveu boa parte das necesidades do norte e o centro do concello.
Conseguimos ir pacificando a N6 e adaptándoa ás novas necesidades urbanas: calmar o tráfico en Mera, desenvolver novas rúas en case todas as parroquias e ir mellorando as vías transversais entre a costa, o interior e a Ártabra.
Hoxe, as necesidades de infraestrutura céntranse no sur, debido á proximidade da Coruña e á importancia da N6 como vía central das Mariñas para o tránsito urbano e dos importantes polígonos comerciais e industriais aos que dá servizo.
Para facer realidade estas futuras e necesarias infraestruturas, aínda que son competencia doutras administracións, debemos impulsalas, por varias razóns:
— Porque é de xustiza para a calidade de vida de todas e todos nós
— Porque debemos reclamar do Estado e da Xunta o que nos corresponde
— Porque a nosa planificación municipal debe facer as previsións de solo necesarias, como xa ten feito, indo por diante incluso das outras administracións.
— Porque estas futuras vías beneficiarán a todas as persoas, vivan ou non en Oleiros.
Obras importantes que reclamamos á Xunta e ao Estado
▻ A Artabriña. Un vial que conectará Sta. Cruz, Montrove e O Graxal creando un itinerario alternativo a Che Guevara. Boa parte do tráfico que vén de Santa Cruz e Montrove podería circular por esa gran avenida ata a N6, liberada xa do tapón do Sol y Mar. Tamén fará posible a circunvalación de Santa Cruz, permitindo alixeirar as súas rúas do tráfico de paso e favorecendo a convivencia veciñal.
▻ Nós-AP9. Unha atrasadísima obra moi necesaria para conectar co acceso da Barcala e utilizar a autoestrada como alternativa á Pasaxe, desafogando a Costa da Tapia.
▻ Alfonso Molina – Ponte da Pasaxe. Dúas obras importantes para toda a comarca cun ritmo desesperadamente lento. Seremos insistentes e implacables co goberno de Madrid, sexa da cor que sexa.
▻ Acceso a Sta. Cristina. Un complemento á reforma da Ponte da Pasaxe será mellorar o acceso a Santa Cristina desde Che Guevara.
▻ Rematar a Vía Ártabra. Conectar esta vía de alta capacidade coa rede de autoestradas a través de Cambre é unha necesidade imperiosa.
▻ Bypass en Arillo. É necesario liberar de tráfico as proximidades de Rialta cun novo treito que conecte a zona da igrexa de Dorneda coas proximidades de Breixo.
Seguridade e protección das zonas habitadas
A nosa política viaria sempre puxo por diante ás persoas. Iso combinouse cun desenvolvemento das infraestruturas acorde ás crecentes necesidades veciñais nun concello que non para de medrar en habitantes atraídos pola alta calidade ambiental.
A gran cantidade de sendas peonís, a conversión en avenidas das antigas estradas, a creación de espazos protexidos para persoas e bicis, o mobiliario xeneroso en bancos, marquesinas e outros servizos seguirán marcando a nosa política de mobilidade.
O areal de Santa Cristina, sagrado
Ninguén vai embrutecer a nosa querida praia. Inventaron unha pasarela, na que querían investir 8 millóns de euros, para aumentar o valor das urbanizacións que construirán do outro lado da ría.
Xa se sabe que un piso a 5 minutos da praia vale o dobre que un piso a 20 minutos, pero terán que cruzar a Pasaxe se queren gozar do noso precioso areal, que tanto esforzo nos costou preservar das garras da especulación.
Movernos máis
Movernos ten moitas máis implicacións que trasladarnos dun lugar a outro. Con ser isto moi importante, movernos debe ser tamén unha actitude vital, unha expresión de enerxía e saúde, un estilo de vida alternativo moito máis san que as tendencias actuais de dubidosa calidade: sedentarismo, televisión, vivir diante das pantallas, illamento.
Loitar contra a obesidade, lograr unha vida máis longa e agradable grazas á prevención das cardiopatías, estar máis áxiles e en forma, son aspectos moi relacionados co lugar no que vives e coa política que se practica.
Desde a Alternativa sempre apoiamos firmemente un estilo de vida san e de amplos horizontes en relación coa actividade física e o deporte, ou coa mobilidade alternativa.
Levamos décadas facendo sendas peonís e beirarrúas para mellorar a seguridade vial, carrís bici para quen non desexe compartir espazo cos coches e longos paseos para ser percorridos sen motor.
E por suposto, lugares para o deporte, a carreira a pé, a natación ou as actividades náuticas, de patinaxe, skate, parkour, calistenia e calquea outra actividade física.
Actividade física para movernos e trasladarnos
▻ Itinerarios sen motor. Queremos seguir construíndo itinerarios nos que poder movernos a pé ou en bici non só durante o tempo de ocio, senón tamén para os traslados cotiás, de tal maneira que algúns desprazamentos ao traballo ou a estudar que hoxe se fan en coche poidan ser realizadas bici nun futuro.
▻ Animación a movernos. Todas as idades e cada ocupación teñen unhas necesidades específicas de mobilidade e de actividade física. Desde a infancia ata a idade máis adulta, as persoas temos que mover o corpo con maior ou menor frecuencia ou intensidade para o que seguiremos apoiando todo tipo de actividades e construíndo equipamentos e infraestruturas para conseguilo.
▻ O transporte marítimo. É hora de explorar todas as posibilidades para optimizar os traslados en transporte público. Rescatar as antigas lanchas que cruzaban a ría é unha posibilidade cada vez máis real. Estamos estudando cómo podería organizarse ese transporte e levalo a cabo nas mellores condicións.
Normalizar a bici como transporte
Hai que ir dando pasos a prol da bicicleta como medio de transporte habitual para algúns percorridos, un costume que vai gañando usuarias e usuarios en moitas cidades e áreas metropolitanas.
O desenvolvemento do ciclismo eléctrico favorece o uso en xeografías onduladas como a nosa e este medio pode ir converténdose nunha alternativa máis sán e favorecedora ante o coche ou a moto.
Hoxe contamos con importantes espazos, axeitados para trasladarnos en bici en boas condicións, que seguiremos mellorando.
Poder ir en bus
Seguiremos perseguindo unha maior operatividade do transporte público, cunha óptica comarcal e o máis integrado posible coa Coruña.
Reclamaremos que a Xunta (a administración competente) se implique moito máis aló das inercias recibidas e que impulse un auténtico sistema de transporte público metropolitano en autobús e deixe de boicotear a chegada do bus urbano a Oleiros.
Verde Oleiros
Un dos sinais de identidade do Oleiros de hoxe son os nosos parques. A enorme cantidade de metros cadrados nas mellores zonas do municipio que son túas non foron logradas por arte de maxia.
Foron conseguidos grazas a unha política urbanística capaz de reequilibrar os intereses públicos e privados, repartindo os beneficios da expansión urbana.
Noutros concellos a construción de vivendas reverteu básicamente nos beneficios privados, deixando os municipios co básico: rúas, prazas e algún parque, que mesmo ás veces tiveron que gañar ao mar.
Unha vez freada a especulación en Santa Cristina, liberamos o actual parque José Martí, unha xoia á beira da praia, ademáis das dunas e o areal.
Conforme se deseñaban urbanizacións ou se desenvolvían espazos urbanos, os parques foron un ingrediente fundamental. Estabamos a construír a actual cidade-xardín, porque queriamos vivir en plena natureza.
Grazas ao urbanismo intelixente foi nacendo tamén o Bosque dos Veciños, o de Xaz, entre outros. Ao rescatar e restaurar pazos e quintas, as súas coidadas fincas pasaron a ser parques para a cidadanía. Moitos outros recunchos xa fan parte dunha tupida rede de espazos públicos para gozar dun territorio de altísima calidade ambiental.
Ao norte, protexemos todos os cantís do golfo Ártabro desde Mera a Lorbé para conseguir a declaración de Monumento Natural e blindalos contra os especuladores que asomaban por todas partes.
Aos parques creados últimamente en case todos os lugares do municipio (Trece Rosas, Pazo do Río, Aguieira, Finca Tenreiro, Iñás, etc.) hai que sumar tres importantes accións para os próximos anos: o litoral de Dorneda, o parque do Seixo e a senda de Nós e Iñás.
Un concello cheo de sendas nas que facer unha vida sana
▻ Litoral de Dorneda. Conseguir un sendeiro litoral por toda a costa de Oleiros é unha antiga aspiración a piques de verse realizada. O segmento entre Canide e Naval, que abrangue case toda a parroquia de Dorneda, será público para conectarse, a través do parque donado por Sandra Ortega, con Santa Cruz, Trece Rosas e Bastiagueiro, e a través de Canide con Mera e o Monumento Natural.
▻ Parque do Seixo. Aproveitando os áridos extraídos do dragado interior da ría nacerá un novo espazo litoral que une a suave costa interior co litoral do veciño municipio de Cambre e este, a través da ponte medieval do Temple, co de Culleredo, cosendo así toda a franxa costeira.
▻ Senda entre Nós e Iñás. Un parque fluvial que xa está en marcha e conecta estas dúas parroquias do interior cun suxerente sendeiro ciclopeonil que chegará a ser un parque con áreas de ocio e lugares de convivencia preto do regato que discorre en paralelo.
Vivir na natureza
Movernos máis practicando algún tipo de actividade física ou deporte é unha das grandes posibilidades que se abren grazas aos bosques, parques, sendas e itinerarios naturais que fomos conseguindo.
A hora do planeta
As mudanzas climáticas esíxennos un comportamento ambiental impecable, polo que xerar aire limpo grazas á pegada verde do territorio é fundamental.
As arboredas, os regatos renaturalizados, protexidos e limpos; a costa impoluta e a protección dos valores naturais, patrimoniais e paisaxísticos falan do aire limpo, de espazos con escasa contaminación aérea ou acústica e de hábitats de elevado benestar para vivir cada día.
Vivenda asequible
O acceso á vivenda de moitas persoas que empezan a súa vida en común ou en solitario supón un problema grave que afecta a todo o Estado debido ás políticas que impulsaron os grandes partidos.
O impulso da vivenda pública é unha responsabilidade da Xunta, pero non acertan coa fórmula. Hoxe, os prezos públicos son case tan difíciles de acadar para moitas familias coma os da promoción privada.
En Oleiros promovemos 752 vivendas de prezo taxado, pero dábase o paradoxo de que as fillas e fillos da nosa xente en moitos casos non podían beneficiarse porque nas puntuacións obrigadas pola Xunta pasábanlle por diante persoas doutros concellos.
Que ninguén de Oleiros teña que marchar
▻ Construír vivendas. A promoción de vivendas a través do concello para a súa venda directa é unha iniciativa que temos en estudo para axudar ás persoas mozas a independizarse.
Unha resposta máis eficaz que a da Xunta, especialmente pensada para que as persoas de aquí non sufran as consecuencias da enorme presión do mercado inmobiliario.
Nos criterios de adxudicación pesarán factores como a proximidade do domicilio familiar ou a antigüidade da residencia en Oleiros das persoas beneficiadas.
▻ O prezo da vivenda. Moitas veces fálase criticamente sobre o importe das propiedades ou os alugueres en Oleiros. É algo que obedece á lóxica do mercado, na que os concellos non poden intervir máis que en pequenos detalles.
Lóxicamente, unha contorna tan coidada, limpa, fermosa e verde como a de Oleiros, cunha importante porcentaxe das vivendas de recente construción, tan próxima á Coruña, tan ben dotada de servizos avanzados e tan bendecida pola natureza da súa costa e a suavidade da súa paisaxe, ten un valor económico moi superior a outros ámbitos de aspecto suburbial ou de urbanismo salvaxe. O mercado coñece ben eses valores e aposta forte polas mellores ubicacións.
Baixos residenciais
Autorizar os baixos como vivendas é unha medida que estudiaremos para ofrecer maior versatilidade a algúns espazos que naceron con vocación comercial, pero que xa non son idóneos para ese fin.
Traballar importa
Aínda que o emprego non é exactamente unha competencia municipal, todas e todos temos que implicarnos e dedicar os maiores esforzos a crear as mellores condicións para o emprego.
Ao longo do tempo esforzámonos na formación das persoas sen emprego en especialidades de alta demanda, ao tempo que realizaban práticas en servizos municipais ou na construción de mobiliario urbano.
O Centro de Formación Isaac Díaz Pardo é todo un referente na formación e a inserción laboral a través de distintas escolas obradoiro e outros cursos e iniciativas para extender o coñecemento de determinados oficios de cara á futura vida laboral do alumnado.
Fomentarase tamén o emprendemento cunha importante labor de orientación para a organización de empresas ou de traballo autónomo, así como a o asesoramento en relación a toda canta axuda dispón a administración para o impulso do emprego.
Con todo, a saúde do emprego ten unha dimensión comarcal e incluso nacional e xeoestratéxica. A actual economía globalizada é moi interdependente e calquera acontecemento financieiro ou económico pode influír nas boas ou malas tendencias que presente a capacidade de xerar emprego.
O emprego é un compromiso que todas e todos debemos asumir
▻ Os viveiros de empresas. Un interesante incentivo para o autoemprego ou a xeración de estruturas de produción ou servizo. Por iso dedicamos o Pazo de Arenaza e as naves do polígono, en plena N6, a iniciativas con distintas necesidades de espazo, a prezos reducidos.
▻ Obras públicas e mantementos. A enorme infraestrutura pública do municipio xera tamén unha importante carga laboral nos sectores de mantemento de parques e medio natural, realización de obras públicas, dinamización cultural, servizos sociais, administración, etc.
▻ Pulo inmobiliario. O sector da construción e os servizos auxiliares achega moita actividade grazas ao constante empuxe da promoción inmobiliaria e empresarial do municipio.
O motor turístico
A dinamización económica municipal ten moita relación co fomento do turismo, tan relacionado coa capacidade de xerar postos de traballo de proximidade.
Os sectores hoteleiro e hostaleiro rexistran un importante e seguro crecemento grazas á solidez da marca Oleiros e ao coidado da paisaxe urbana e natural, que ofrece seguridade ás iniciativas que se van xerando tanto ao longo da costa como nalgunhas zonas do interior.
A futura construción do recinto multiusos de Bastiagueiro será un complemento interesante para este sector económico que quere aproveitar as oportunidades que ofrece o turismo de eventos e a cercanía da alta velocidade ferroviaria e o aeroporto.
O eixo comercial
O fomento do gran eixo comercial arredor da N6 foi ao longo do tempo outro factor importante de desenvolvemento que xerou moita carga de traballo nestes sectores de servizos relacionados co automóbil, a alimentación, a hostalaría, a xardinería ou o comercio en xeral.
Fóron medrando empresas que crearon importantes bolsas de traballo, ao tempo de mellorar os servizos ás persoas.
O polígono de Iñás é unha gran reserva de solo empresarial que aínda ten moito por aproveitar para novas actividades económicas que irán asentándose nel.
Todas as persoas
O diálogo interxeracional é o que nos permite gozar da herdanza dos devanceiros e transmitir a cultura ás crianzas, que van tomando as mellores cousas do que reciben e adaptándoas ás súas necesidades vitais.
A cada idade corresponde un xeito de vida, e procuramos que Oleiros vaia axustándose ás circunstancias de cada unha.
Nenas e nenos que corren ceibes polos grandes parques e áreas infantís, que gozan dunha magnífica oferta de extraescolares tanto no propio colexio coma en bibliotecas, festas ou centros culturais.
Mocidade que celebra os seus encontros ou quedadas en casas municipais e persoas que se apoian no Concello para encamiñar a súa vida laboral ou a súa relación co currículo formativo.
Xente que goza do seu ocio activo e creativo en clubes deportivos, a través de actividades organizadas, ou individualmente en calquera dos nosos espléndidos escenarios públicos.
Persoas maiores que estimulan a súa vida cos novos azos dunha xubilación chea de posibilidades a todos os niveis.
Seguiremos apoiando ás persoas en todo o seu ciclo vital, coa seguridade de que sempre atoparán no municipio unha man amiga para impulsar actividades participativas que estimulen a vida sa e as relacións sociais.
Sempre con atención ao ciclo da vida
▻ Infancia. Continuaremos ofrecendo, especialmente desde as bibliotecas, as escolas e a programación cultural e festiva, propostas que axuden a unha crianza chea de estímulos e harmonía.
▻ Mocidade. Varias liñas políticas, desde o eido educativo ao cultural e deportivo conflúen na idade moza, na que é preciso dar especial relevancia ao tempo de ocio, con programas creativos e interesantes para esa idade. Ademais, as Casas de Préstamo para festas siguen cumprindo un interesante papel na sociabilidade, así como as Casas da Mocidade e outros centros culturais que impulsamos.
▻ Idades laborais. A maioría das persoas pertecen a este grupo, que move a actividade económica e define o seu propio estilo de vida. Comprometémonos a seguir ofrecendo os servizos necesarios nas mellores condicións de sustentabilidade para facilitar a contorna laboral, o lecer e a conciliación familiar.
▻ Maiores. Chegar a maior debe ser premiado con incentivos como os que trataremos de seguir impulsando. Políticas que procuran un ocio activo e de alto contido cultural para dar resposta á crecente poboación madura, en plena xubilación das boomers, aqueles nenos e nenas que naceron nos 50 e os 60 do século pasado e que fóron artífices do noso benestar actual.
A fenda dixital
Comprometémonos tanto a facilitar a relación electrónica entre a administración e a cidadanía, como a atender SEMPRE de xeito sinxelo, tanto telefónica como presencialmente, a todas as persoas.
Ningunha administración debera limitar a atención cara a cara, tanto presencialmente como a través do teléfono. Lamentablemente así o están facendo algúns servizos públicos de gran importancia como o sanitario ou outros, cos que resulta difícil establecer contacto persoal. E xa non digamos as grandes empresas que prestan importanes servizos públicos como a telefonía ou a enerxía.
Coa Alternativa dos Veciños gobernando sempre terás un apoio humano para calquera cuestión que precises, tanto a nivel de trámites administrativos coma de acción política.
Un mundo que cambia
A capacidade de adaptarnos ás circunstancias nas que vivimos obríganos a ser flexibles e cooperantes, ofrecendo sempre o mellor do que somos do xeito máis eficiente que podemos.
As tecnoloxías, a intelixencia artificial, os servizos de información, o teletraballo, o telecomercio, propoñennos retos aos que sabemos dar respostas críticas e acaídas.
Apoiaremos todas as melloras, pero alertaremos sobre os perigos que poden reportar, como o sedentarismo, a obesidade, o aillamento, a vida excesivamente virtual, a ciberseguridade, etc.
Oleiros coida
As persoas son o fundamento da política da Alternativa. Procurar o máximo benestar para as familias de Oleiros foi de sempre o noso principal combustible. E quere seguir séndoo!
Todos os enfoques políticos que realizamos están baseados no humanismo e nun dos seus complementos esenciais: a relación coa natureza, pero tamén coa premisa de que cada persoa ten que ter cubertas unhas necesidades esenciais básicas.
Por iso dedicamos tanto esforzo, por exemplo, a equilibrar a riqueza. Un xeito de facelo é democratizando o espazo público. Vivas onde vivas e dispoñas dos recursos que dispoñas, sempre terás preto de ti un parque, un espazo polideportivo, unha biblioteca, un lugar para gozar, unha proposta de ocio, un centro de saúde ou un centro educativo.
Sempre defendemos o carácter público e de proximidade da educación e a saúde, e loitamos por ter os mellores equipamentos, ao que dedicamos moitísimo esforzo ao longo do tempo.
Nunca esquecemos a solidariedade, o compromiso coas persoas que atravesan un momento difícil ou están en situacións delicadas. Para iso despregamos un conxunto de iniciativas que permiten manter uns mínimos de atención para quen o necesita.
Cubrir as necesidades básicas
▻ As persoas maiores. Facerse maior é unha conquista e entre todas e todos tamén debemos conseguir que sexa un pracer. Cada persoa achégase á idade máis madura como pode ou decide, seguindo as inercias da súa vida familiar e social.
É habitual que canto máis se logra avanzar na súa vida, máis apoio se precisa. Por iso seguiremos defendendo e potenciando servizos de axuda persoal como a teleasistencia domiciliaria, a axuda no fogar, comida sobre rodas, e en xeral a atención á dependencia e ás persoas coidadoras.
▻ As situacións vulnerables. As sucesivas crises económicas e o progresivo encarecemento dos produtos básicos necesarios para vivir agudizáronse tras a pandemia. Moitas empresas aproveitaron para reforzar o seu comportamento avaricioso reforzando aínda máis a súa presión ás persoas consumidoras.
O resultado é que algunhas familias non poden equilibrar as súas contas e vense na necesidade de recibir un apoio suplementario. Desde Alternativa seguiremos dando resposta obxectiva tras analizar as súas circunstancias a través do persoal especializado. Esforzámonos en colaborar activamente a que recuperen a capacidade de xerar os recursos necesarios para vivir.
Diversidade e dignidade
Os distintos tipos de familias e relacións familiares, a normalidade LGTBI+, a loita contra todas as fobias sociais e as miserias humanas como o machismo, a homofobia ou o fascismo formaron sempre parte do noso rumbo político.
Sabemos que o benestar das persoas inclúe a súa saúde mental, polo que enfocamos todas a nosas políticas a lograr o benestar tamén nesa dimensión.
E asumimos o feminismo como arma para conseguir unha equiparación absoluta entre os xéneros. Rotundamente: nen un paso atrás no avance das mulleres pola igualdade.
Cooperando co mundo
A solidariedade exércese entre as veciñas e os veciños de Oleiros pero tamén fóra. Sabemos que son pequenas pingas de calor, pero dedicamos un esforzo suplementario a axudar ás persoas que máis sofren as consecuencias da desigualdade.
Seguiremos construíndo infraestruturas de auga e instalacións sanitarias, mellorando o acceso á saúde, á educación, fomentando iniciativas de desenvolvemento económico…
Apoiaremos a persoas, ONG’s, institucións locais ou comunidades relixiosas comprometidas co desenvolvemento para axudar a que algunhas persoas vivan algo mellor mentres os organismos internacionais non toman máis en serio a loita contra a desigualdade.
Activa e saudable
A política deportiva da Alternativa enmárcase no concepto integral de coidado e estilo de vida saudable para todas as persoas.
De como nos movemos e as actividades que facemos vai depender a nosa saúde integral, tanto física coma mental.
A actividade e as infraestruturas deportivas son a mellor inversión que podemos facer para o desenvolvemento integral das persoas, tanto a nivel social coma individual.
Desde o principio fomos construíndo polideportivas e pavillóns, normalmente anexos aos centros educativos e integrados nos lugares de residencia das persoas, para que o deporte fose unha práctica o máis cotiá posible.
Tamén promovemos instalacións específicas para deportes náuticos, de velocidade ou de fitness no espazo público aberto. As piscinas municipais foron un gran paso para toda a cidadanía. Tres delas compleméntanse con completos ximnasios tanto para o exercicio físico individual como colectivo ou dirixido.
Esta importante infraestrutura específica complétase coa potente rede de parques, bosques e sendas, aptos para desenvolver, en calquera recuncho do concello; unha actividade física básica, como camiñar ou correr, adaptada a calquera idade.
O deporte, un estilo de vida
▻ Actualizar instalacións. Manter en óptimo estado as instalacións deportivas e diversificar a oferta de actividades e eventos será, coma sempre, unha das prioridades da Alternativa, que fai do deporte unha bandeira da xestión do concello.
▻ Actividade física para todas e todos. Fomentar a práctica cotiá deste tipo de actividades é moi importante para o benestar do corpo, para a saúde mental e para a prevención de cardiopatías e doenzas relacionadas co sedentarismo e a obesidade.
▻ As Escolas Deportivas. Tanto nas disciplinas acuáticas coma nas terrestres, ao aire libre ou en interiores, entre as que se atopa a recentemente creada escola de golf, estas iniciativas son moi interesantes para a formación física das persoas máis novas como para sementar nelas o interés por unha actividade alternativa a outras máis perniciosas.
▻ Fútbol. A mellora progresiva dos campos de fútbol foi constante nos últimos anos, para que todos os clubs dispoñen de lugares de xogo e adestramento á altura das súas necesidades, especialmente nun deporte con tanto seguimento coma este.
Apoio á xente do deporte
A Alternativa dos Veciños manterá firmes as axudas a clubes e entidades deportivas, así como ás figuras individuais do deporte cando compiten fóra da casa. Un apoio que é paralelo ao das familias, a quen sempre lles agradecemos o seu esforzo para estimular o deporte entre os máis novos.
Importante nicho de emprego
A existencia do INEF dentro do municipio é unha fonte de oportunidades para desenvolver iniciativas económicas ou laborais relacionadas coa actividade física, ademáis doutros beneficios engadidos que proporciona a institución universitaria. Un bo entendemento e proxectos conxuntos sempre foron un puntal da nosa xestión.
Vital, preparada
A creatividade e a formación, especialmente das persoas máis novas, sempre foron o santo e seña da nosa política de fomento das artes en xeral.
Completar a rede de centros educativos, diversificar a oferta formativa, complementar esa estrutura básica con programas de apoio á formación e orientación laboral, a política de museos, a promoción da cultura popular, as escolas de música e danza e a difusión da olaría como actividade identitaria foron e son chanzos da nosa decidida aposta pola cultura como motor de desenvolvemento humano.
Nestes anos tivo especial relevancia a tupida rede de bibliotecas municipais, distribuidas por todo o concello, que non son únicamente espazos de encontro cos libros, os saberes e a literatura, senón entidades e lugares nos que decorre unha xenerosa oferta de actividades pensadas para todas as idades: obradoiros, eventos temáticos de relación cos libros ou clubs de lectura cos que seguiremos tendendo pontes entre as persoas e a creatividade.
A cultura e a decuación, dúas grandes prioridades
▻ Os centros culturais. A infraestrutura cultural constitúe unha das redes públicas más densas do país, esparexida por todo o municipio, con actividades habituais, moitas delas xestionadas polas propias entidades veciñais ou sociais. Queremos seguir programando actos e eventos de todo tipo, encontros entre as persoas motivadas pola creatividade, as artes ou a divulgación cultural.
▻ Os museos. Propoñemos ampliar a rede de museos e centros de interpretación existente, con novas coleccións que combinen a significación cultural e a capacidade de atraer visitantes motivados pola súa curiosidade e sensibilidade.
▻ As escolas de música, teatro e danza. Seguiremos impulsando estes centros municipais para ofrecer o brillante servizo público que están realizando.
O recinto sociocultural de Bastiagueiro
Un espazo multifuncional que servirá para a exhibición cultural e tamén como apoio á economía terciaria derivada do turismo.
Poderanse programar concertos ou espectáculos que requiren grandes capacidades, pero tamén contará con espazos máis íntimos e recollidos para situacións que requiran proximidade entre artistas e público.
Será ao mesmo tempo un pazo de congresos para a celebración de encontros técnicos ou de calquera natureza, que poderán apoiarse na importante oferta hoteleira e de restauración do municipio.
A calidade do ensino público
Os centros de ensino dependen da Consellería de Educación, pero no caso de Oleiros teñen tamén unha decidida colaboración municipal en toda canta dimensión podemos cooperar na educación dos nosos fillos e fillas en todos os ámbitos da súa formación.
A Alternativa quere seguir ofrecendo un apoio intenso ás actividades extraescolares, o deporte ou a orientación vocacional, o que determina a alta calidade do ensino público en Oleiros.
Ti decides
Practicamos unha política que vai máis aló da participación tal e como a entenden outros lugares, un simple verniz que agocha rutinas municipais á marxe da maioría das persoas.
Para nós, participar é unha constante na xestión dun municipio. É o modo natural de estar en política. Somos unha enorme rede de persoas que cada día se preocupan en serio de que todo funcione como debe.
Participar está no ADN da Alternativa, que naceu como a voz da veciñanza de Oleiros ante a rapiña que uns poucos estaban realizando coa nosa querida e fermosa paisaxe, e que fomos freando e convertendo neste pequeno paraíso que é hoxe o noso municipio.
Democracia aberta para cumprir a vontade maioritaria
▻ Eleccións directas. Ao longo do tempo fomos perfeccionando as fórmulas de conexión coa veciñanza, a interrelación entre as persoas e os representantes institucionais, a elección aberta das candidaturas, a atención a todas e cada unha das cuestións que nos preocupan como veciñas e veciños de Oleiros.
▻ Por un concello aberto e eficaz. Para a Alternativa o concello é a casa de todas as veciñas e veciños. Traballaremos arrreo cada día para dirixir esta nave con honradez, constancia e sentidiño, sempre movidos polo desexo de facelo ben e buscando o maior grao de eficacia, co apoio do seu competente e eficaz cadro de persoal.
▻ Austeridade e excelencia. Cada euro que utilizamos sabemos que é un euro voso, común, e que está ahí para facer a túa vida máis doada cos mellores servizos, as mellores infraestruturas, os mellores equipamentos e unha calidade paisaxística e urbana digna de orgullo.
Despregamos e implementaremos unha intensa actividade informativa directa, porque sabemos que ti mereces coñecer todo o que facemos: a radio municipal como o xornal Vivir en Oleiros, os paneis informativos, o Servizo de Atención Veciñal, os medios electrónicos… e a completa disposición das nosas concelleiras e concelleiros a atenderte presencial e directamente son os eixos principais dunha boa xestión informativa.
Ofrecémosche toda a nosa experiencia para continuar gobernando o municipio catro anos máis.
Para seguir facendo de Oleiros ese lugar guapo e interesante no que paga a pena vivir.