Falta de accesibilidade e control nas prazas de mobilidade reducida en Cangas

Constatamos o uso fraudulento de tarxetas de estacionamento para persoas con discapacidade

Desde hai dous anos, vimos detectando que en Cangas están a pintarse prazas de mobilidade reducida que non cumpren coa normativa vixente, o que dificulta o seu correcto uso por parte das persoas que realmente as necesitan. A isto súmase a falta de control na súa ocupación, permitindo que vehículos sen acreditación utilícenas impunemente, deixando sen alternativas a quen ten mobilidade reducida.

Ademais, constatamos o uso fraudulento de tarxetas de estacionamento para persoas con discapacidade. Algunhas destas tarxetas pertencen a persoas xa falecidas ou son utilizadas por familiares sen xustificación, o que agrava aínda máis o problema de acceso para quen realmente as necesitan. É imprescindible que o Goberno municipal reforce os controis para evitar estes abusos.

O problema faise aínda máis evidente nos meses de verán, cando as prazas próximas ás praias son ocupadas por vehículos non autorizados. A isto súmase o estacionamento indebido sobre liñas amarelas e nas marxes das estradas, o que obstaculiza o paso peonil e afecta especialmente a persoas con mobilidade reducida e a familias con cochecitos para bebés. Esta situación impide o acceso adecuado aos areais e xera un problema de accesibilidade que non pode seguir ignorándose.

A situación é insostible. Os nosos veciños con mobilidade reducida levan dous anos enfrontándose a unha falta total de protección e accesibilidade no seu propio municipio. Esiximos ao Goberno municipal medidas urxentes para garantir o cumprimento da normativa, o control rigoroso das tarxetas de mobilidade reducida e a eliminación de barreiras arquitectónicas nas nosas rúas.

Desde Alternativa dos Veciños , seguiremos denunciando estas irregularidades e traballando para que Cangas sexa un municipio accesible para todos.

Comparte esta nova!