Exercicios militares ou invasión das furnas: a Xunta quere arruinar o Monumento Natural de Dexo-Serantes

Un plan de protección que pode destrozar a vida natural no litoral norte de Oleiros

Unha vez máis, a Xunta ofrece a súa pior cara. Tras as múltiples demandas para crear unha fórmula que protexa o Monumento Natural de Dexo Serantes publicaron un plan no que din que non se poden facer pintadas nen poñer altavoces, pero en cambio permiten profanar os seus mellores espazos: o fogar de milleiros de aves que aniñan no lugar.

O texto da Xunta reduce o espazo do Monumento Natural, aínda que o deixa limítrofe con outros terreos que tamén teñen case unha total protección grazas ao Plan Xeral de Ordenación Municipal de Oleiros, pero que non se beneficiarían das mesmas condicións que as zonas que si forman parte do plan autonómico.

O goberno galego quere deixar libre o uso dos cantís como paredes de escalada e non impide, por exemplo, entrar nas furnas, que son o hábitat do gran número de aves que fixeron do norte ártabro do noso territorio un gran escenario natural.

Ademáis, a Xunta permitiría, sen non o remedia antes, as actividades militares no ámbito marítimo, un auténtico contrasentido para un espazo protexido pola rede Natura 2000 da Unión Europea como monumento natural.

Xa hai 30 anos o Ministerio de Defensa tiña plans para “desafectar” unha ampla zona de Seixo Branco, abríndoo á especulación inmobiliaria. A presión municipal do goberno da Alternativa dos Veciños logrou frenar esa impúdica evolución do marabilloso territorio natural do norte de Oleiros, que desde entón protexeuse e pasou a formar parte da Rede Natura 2000.

O plan actual nace da necesidade de que o Goberno Galego coopere no mantemento e evolución desta contorna natural, xa que nas últimas décadas o único que fixo foi axudar ao concello a mercar un tractor para manter a accesibilidade peonil ao monumento, no que prácticamente non poden utilizarse vehículos a motor.

A Alternativa dos Veciños, a través do Concello, alegará esta vergoñenta normativa para conservar Dexo-Serantes nas mellores condicións naturais posibles.

Comparte esta nova!