A decisión da Xunta de Galicia de non rectificar a súa errónea decisión de suprimir 46 servizos de autobús será analizada polos servizos xurídicos do Concello de Oleiros para emprender posibles accións legais de existir incumprimento de contrato. Así o aprobou o pleno municipal, a proposta do Goberno de Alternativa dos Veciños.
A Xunta de Galicia está a amosar unha incompetencia total e unha indignante lentitude para resolver o problema que eles mesmos crearon. Pasado máis dun mes, durante o que se lle crearon graves problemas a milleiros de cidadáns polo lamentable funcionamento do servizo, a Xunta, en lugar de recuperar todos os servizos eliminados, decidiu seguir na liña dos recortes e o anunciado “reaxuste” e “reforzo” supón a eliminación de 46 liñas, respecto ás que había antes do 22 de xuño. Unha decisión unilateral que para nada ten que ver coas propostas do Goberno municipal de recuperar a totalidade dos buses eliminados e reorganizar os horarios para mellorar o servizo.
Os mesmos políticos que ensalzan continuamente a mobilidade sostible e o fomento do transporte público, están a demostrar cos seus actos e decisións que actúan en contra do que din. Nestas últimas semanas o Goberno galego eliminou autobuses, non permitiu que o urbano 1-A da Coruña conectase con Santa Cristina e o que é máis grave, teñen paralizada a conexión da vía Ártabra coa AP-9 desde hai 3 anos –sine die para a seu reinicio-. Os feitos demostran que desde Santiago estase a estrangular a circulación de Oleiros co obxectivo, claro está, de manipular a realidade e intentar desgastar ao Goberno municipal.
Coa moción de Alternativa dos Veciños o Concello volve urxir á Xunta de Galicia a recuperar de inmediato a totalidade dos servizos e liñas de transporte eliminadas no Concello de Oleiros desde o pasado 22 de xuño e reestruturar aqueles horarios que se poidan solapar; e incrementar as frecuencias, cando menos en horas puntas, para reforzar así o servizo nas franxas que máis demanda existe para o conxunto da poboación.