Cuberta programa Culleredo

Sempre entendín a miña profesión como a procura de solucións aos problemas das persoas. Son avogada e mediadora e, ao longo da miña longa traxectoria profesional, comprendín que as principais ferramentas para lograr o éxito en calquera ámbito da vida son: a escoita, o diálogo, e o sentido común. Esta forma de traballar é a mesma que quero trasladar á política local. Por experiencia sei que outra forma de facer as cousas é posible, e ter isto tan claro é o que me animou a incorporarme a este proxecto. Un proxecto tan ambicioso como real: facer que as cousas funcionen en Culleredo. Para logralo, teño a fortuna de formar parte dun gran equipo constituído por profesionais de diferentes sectores. Un equipo que traballa con ilusión, constancia e honestidade. Somos moi conscientes das necesidades do noso concello e sabemos que non se coida só. Por iso nós, comprometémonos a coidalo, a coidar Culleredo.
Thais Palla
Candidata á Alcaldía de Culleredo

 

DOCE accións fundamentais

Para que as cousas funcionen en Culleredo, propoñemos, entre outras moitas medidas, as seguintes:

DESEÑAR E EXECUTAR UN NOVO PLAN DE URBANISMO

O plan de urbanismo actual data do ano 1987. Por iso é urxente deseñar un novo plan! Un plan que permita o desenvolvemento urbanístico, a protección das zonas verdes e o acceso a todos aqueles servizos básicos e imprescindibles que nos permitan afrontar as necesidades de hoxe en día e as do futuro.

IMPULSAR A CREACIÓN DUN VIVEIRO DE EMPRESAS

Queremos apoiar a todos aqueles veciños que queiran crear novas empresas, aos nosos emprendedores. A nosa misión será dotalos de espazos de traballo a un custo alcanzable durante os primeiros anos, eses que, todos sabemos, son os máis duros. Igualmente, temos moi presentes aos pequenos empresarios, autónomos e negocios locais. Somos moi conscientes de que necesitan axuda por parte do concello para manterse á boia, por iso para nós serán unha prioridade.

ABRIR CAMIÑO Á EMPREGABILIDADE

Queremos acompañar a todos os cullerdenses, que se atopen en situación de desemprego, na procura daquelas aptitudes, actitudes e capacidades que lles permitan acceder ao mercado laboral máis facilmente. Para iso, crearemos espazos adecuados onde recibir formación, asesoramento, motivación… sempre da man de profesionais cualificados.

CREAR ESPAZOS PARA Os MOZOS

A día de hoxe, os nosos mozos non dispoñen de espazos adecuados onde relacionarse, divertirse, compartir… Alternativa dos Veciños acumula unha longa traxectoria, e ampla experiencia, na creación deste tipo de contornas. De todos é sabido o éxito desta iniciativa noutros concellos, por iso queremos o mesmo para os mozos de Culleredo.

CONTRIBUÍR Ao DESENVOLVEMENTO DOS MÁIS PEQUENOS

Cremos que é necesario implementar novas actividades para os nenos en idade escolar. Actividades que entreteñan, pero que, á súa vez, complementen todo o aprendido na escola e lles permítan desenvolver amplamente todas as súas capacidades a nivel individual e como cidadáns. De igual modo, entendemos a alimentación como base para o seu crecemento e é por iso que queremos implementar unha importante mellora, neste aspecto, en todos os comedores escolares. Os pequenos de Culleredo terán comedores saudables e gratuítos. “Mens sana in corpore sano”

CONCILIAR A VIDA FAMILIAR

As actividades propostas para os máis pequenos, levaríanse a cabo en días e horas crave para contribuír a que a conciliación familiar sexa unha realidade. Nun concello como o noso, onde moitos veciños temos que desprazarnos fora para traballar, este punto é de vital importancia.

ACOMPAÑAR Aos nosos MAIORES

Un colectivo do que non nos queremos esquecer é o dos nosos maiores. Sentimos a obrigación de cubrir as súas necesidades máis aló da axuda das súas propias familias. Vemos necesario que, no seu día a día, se sintan acompañados por persoal cualificado para levar a cabo os seus quefaceres: desprazamentos, xestións, compras… É dicir, facilitarlles a vida como se merecen porque, se algo temos claro, é que eles, sen dúbida, gañárono.

FACILITAR O ACCESO Á CULTURA

Queremos que a cultura estea ao alcance de todos e, para iso, sabemos que é necesaria unha proposta que abarque os diferentes ámbitos da mesma: teatro, música, exposicións… Unha proposta ambiciosa ao alcance de todos e para todos os públicos.

FAVORECER O TRANSPORTE E A COMUNICACIÓN ENTRE MUNICIPIOS

En conversacións mantidas cos veciños das diferentes parroquias de nuesto concello detectamos as dificultades ás que se enfrontan, no seu día a día, moitos dos nosos estudantes e traballadores, en canto a mobilidade refírese. Por iso, unha das nosas liñas de traballo principais estará dirixida a favorecer as comunicacións mediante; un transporte público regular ao alcance de todos e a rehabilitación e mantemento da rede de estradas de zonas rurais, ata o de agora, esquecidas.

FACER REALIDADE A INCLUSIÓN SOCIAL

O noso compromiso é coas persoas, con todos e cada un dos veciños que conforman o noso concello. Así pois, consideramos necesario o goce dun nivel de vida e benestar para todos por igual, garantindo as oportunidades e recursos necesarios para a participación de todos os cidadáns na sociedade. Sempre de forma plena, e á marxe de calquera tipo de exclusión social.

GARANTIR LECER E DEPORTE DE CALIDADE

Coa creación de zonas verdes e parques infantís en todas as parroquias e proporcionando un mantemento adecuado dos espazos comúns xa existentes, melloraremos a calidade de vida de todos os veciños. Nesta mesma liña, sempre pensando no benestar común, melloraremos o mantemento dos espazos deportivos actuais e construiremos polideportivos municipais adecuados ás necesidades de todos; con piscina, ximnasio…

RESPECTAR E COIDAR A CONTORNA NATURAL

En Culleredo temos a grandísima sorte de contar con espazos naturais envexables. Tanto é así que queremos facer, da natureza, un aceno de identidade do noso concello. A nosa misión neste sentido é clara: protexer a contorna de calquera posible ameaza e coidala defendendo o seu alto valor e maior riqueza.

 

Contamos co teu apoio o vindeiro domingo 28 de maio!

Se ti tamén queres que as cousas funcionen en Culleredo…

AXÚDANOS A CAMBIAR As COUSAS!