Cuberta programa Bergondo

LIÑAS ESTRATÉXICAS E OBXECTIVOS DE GOBERNO

POÑENDO AS BASES DO PROGRESO PARA O NOSO CONCELLO

Introdución

O Concello de Bergondo ocupa unha posición central na comarca das Mariñas, está próximo á área metropolitana da Coruña e tamén aos Concellos de Sada e Betanzos. O Concello goza dunha situación estratéxica e conta cunhas posibilidades de comunicación coa comarca e co resto de Galicia autenticamente envexables. Dende Alternativa dos Veciños estamos convencidos de que co traballo de todos podemos facer de Bergondo un lugar no que se conxugue un desenvolvemento sustentable que traia emprego e progreso ao concello, cuns servizos que o fagan un lugar ideal para vivir. Alternativa dos Veciños está constituído por un conxunto de veciñas e veciños que queren que o noso Concello sexa un lugar onde existan oportunidades para os máis novos, se proporcionen os servizos para que as familias poidan conciliar a vida familiar e laboral, e se coide e valore aos nosos maiores. Somos un conxunto de persoas sen máis ambición que a de transformar o noso concello nun lugar que se aproxime ao concello ideal que cada un de nós temos na nosa mente. Para isto, a acción política e a vocación de servizo público fanse imprescindibles.

O noso paso polo goberno municipal –da man dos concelleiros Juan Fariña e Eloy Babío– supuxo un punto de inflexión na acción de goberno. Mesmo os nosos adversarios políticos o recoñecen (en privado). Houbo algúns avances que calquera observador imparcial pode apreciar. Mais isto non obsta para recoñecer unha evidencia perfectamente verificable para calquera; Bergondo ten aínda múltiples carencias e en Bergondo hai moitísimo traballo que facer para chegar á “primeira división” dos concellos.

Para seguir nesa senda de traballo e melloras paulatinas, con moita maior capacidade, Bergondo precisa una renovación na maioría de goberno. Dixémolo e dirémolo as veces que sexa necesario; tanto PP coma PSOE (vinte anos de goberno o PP e 24 o PSOE) tiveron tempo máis que suficiente para amosarnos do que eran capaces. A actual alcaldesa leva 15 anos á fronte de Bergondo. Onde están os resultados? Cal é o balance positivo para Bergondo despois de tanto tempo? Xa toca un cambio na dirección neste concello. Toca cambiar de maioría de goberno e tamén de “timonel”. É máis, resulta cada vez máis  urxente.

Infraestruturas, urbanismo, vivenda…

Bergondo precisa urxentemente dun Plan Xeral de Ordenación Municipal (Plan de Urbanismo-PXOM). O sucedido durante este mandato que agora remata é aberrante. O PXOM é unha ferramenta básica para un desenvolvemento municipal ordenado e sustentable, que responda adecuadamente ás necesidades dos veciños, institucións e empresas do municipio ou daquelas que pretendan asentarse nel, tanto no plano económico como nos aspectos sociais e medioambientais. As vixentes Normas Subsidiarias datan do ano 1992. Por outra parte, Bergondo precisa acadar novas infraestruturas e mellorar as existentes. Tentamos ata o último momento que a alcaldesa de Bergondo tivera a valentía de, cando menos, deixar aprobado inicialmente o PXOM neste mandato que agora remata, mais foi imposible convencela, mesmo asegurándolle os nosos votos favorables para sacalo adiante. A covardía e o calculo electoralista puideron con ella. E a perda de tempo inducida pola alcaldesa durante a pandemia (dous anos) neste sentido, negándose a “tocar” algo tan importante coma o PXOM, pasará á historia de Bergondo como un dos actos de maior ineptitude e desidia consciente dos que se ten noticia recente. Por desgraza este do PXOM non é un caso illado relativo a tempo perdido por parte da actual alcaldesa.

Con todo, os obxectivos e a política de Alternativa dos Veciños nestes aspectos non cambian e seguiremos defendendo os mesmos eixos estratéxicos ao respecto:

1. Aprobación, o antes posible, do PXOM actualmente en tramitación e que a alcaldesa de Bergondo non quixo aprobar -nin tan siquera inicialmente- antes das eleccións de maio.

2. Potenciación dun desenvolvemento sustentable e respectuoso co medio ambiente, que potencie os núcleos de poboación tradicionais e fuxa das macrourbanizacións que hipotequen o futuro do concello. Non nos gusta o modelo “Longueira”, menos aínda sen un PXOM en vigor.

3. Estudo da posible implantación dun polígono tecnolóxico (aproveitando o tirón das TIC e a futura axencia española de intelixencia artificial, con sede na Coruña) na bolsa de terreos existente entre Santa Marta de Babío e Peteiro. Obviamente esta opción terá que contemplarse no PXOM en tramitación. Nesta mesma zona podería estar situada unha importante e céntrica zona deportiva de Bergondo.

4. Reforzo do cadro de persoal do departamento de Urbanismo. Especialmente no concerniente ás licenzas de obra maior. A enorme carga de traballo desa parte do departamento provoca unha excesiva lentitude na tramitación das licenzas, e iso é un problema considerable, xa que mesmo está desmotivando que moitos particulares ou empresas decidan promover a construción de vivendas ou a súa rehabilitación en Bergondo.

5. Creación dunha bolsa de vivendas de aluguer ou V.P.O.

6. Vivenda social: Urbanización abandonada da Campiña. Facer xestións coa Sareb ou os bancos para converter o abandono en vivendas sociais asequibles. 

7. Tanto a zona comercial e residencial de San Cidre coma outras futuras que se axusten ao marco urbanístico vixente, se tramiten tal e como marca a lei e supoñan aportar progreso económico e social (“vida” para Bergondo) contarán co noso apoio. A tortuosa tramitación deste asunto está supoñendo un retraso tremendo nunha aspiracíón compartida pola meirande parte da poboación. Bergondo carece dunha superficie comercial de entidade e a veciñanza debe ir a outros concellos para realizar determinadas compras.

8. Sinalización dos núcleos e lugares de Bergondo. Hai que mellorala substancialmente. É moi deficiente. Debemos reformar o rueiro municipal e comezar a designar rúas. Algo que redundará en beneficio de todos. Iso non exclúe (en absoluto) a conservación dos nomes tradicionais dos lugares.

9. Proseguir co plan de pavimentación de caminos públicos municipais que se reforzou de xeito máis que notable durante estes anos de presenza de Alternativa no goberno municipal.

10. Esixencia permanente ás empresas subministradoras de servizos para que teñan as súas instalacións e infraestruturas en perfectas condicións (Telefónica, Fenosa…). Durante estes anos Alternativa estivo a pé de rúa neste sentido e logrou establecer canles útiles con esas empresas. 

11. Realizar as xestións precisas para lograr a mellora da Internet e os servizos relacionados en Bergondo.

12. Reforzaremos o cadro de persoal para crear unha auténtica brigada de obras municipal. Non o que temos agora; sen albanel, dous xardineiros para todo o concello… moi poucos efectivos, cuxo desempeño, por bo que sexa, vese claramente superado polo inxente traballo do día a día. Así non podemos seguir. 

13. Mantemento axeitado de beirarrúas e sendas. En múltiples aspectos. Mantemento material de superficie, limpeza de herbas e limos, caída de terra sobre as mesmas, etc. Planificación axeitada de novas sendas ou beirarrúas, soterrando, no posible, as canalizacións de servizos que poidan existir preto.

14. Papeleiras. Algo tan simple atopou resistencias na actual alcaldesa. Por exemplo en lugares como A Fragachá, de onde foron retiradas e non repostas. Resulta absurdo non ter elmentos tan simples de mobiliario urbano (ou o que é peor, telos nuns sitios e negalos noutros) aducindo que “non temos quen as baleire”.

15. En marcha obras fundamentais de Fomento na NVI como son a reforma, para crear unha rotonda, no cruce coa estrada de Ferrol ou as rotondas de Cortiñán. Esixiremos a Fomento que cumpra co proxectado e reduza os prazos construtivos Ademais insistiremos na aspiración que defendemos para Guísamo, todo o tráfico rodado debe estar articulado en torno a dúas rotondas, unha no cruce coa estrada de Cambre e outra en “Eurofruit”, suprimir todas as illetas centrais e incorporacións da vía e aumentar os arcéns existentes. Guísamo precisa estacionamento e precisa sacar os coches subidos ás beirarrúas. Ademais de humanizar ese entorno, conforme a un enfoque de travesía urbana.

16. Debemos abordar a creación de sendas costeiras:

– Entre Gandarío e Sada

– Reordenar a liña costeira no Pedrido e recuperar toda esa franxa de costa.

– Recuperar a costa da Cabana, ocupada por construccións, escaleiras privadas etc. 

17. Abordar a complexa situación legal dos cemiterios municipais de Bergondo e buscar a súa ampliación. Dar resposta ás novas demandas, no sentido de habilitar columbarios neses cemiterios públicos.

18. Mellorar e incrementar mobiliario urbano en todo o concello.

19. Instalación de sistemas de rearme no alumeado público que eviten a “caída” dese alumeado en momentos de temporal ou treboada. Sucede con frecuencia que tras estes eventos meteorolóxicos moitas zonas quedan sen luz durante días.

20. Incidir na busca de solucións efectivas e áxiles contra o abandono de propiedades e as ruínas de vivendas e fincas.

 

Seguridade cidadá, seguridade viaria e mobilidade…

Un dos piares fundamentais nos que asentamos a nosa política é a seguridade, entendida coma o compendio de medidas que fan que a vida das persoas sexa máis cómoda no seu día a día. Son diversas as cuestións que se deben abordar neste sentido, mais destaca, por riba de todas, a de ter un bo cadro de persoal na policía local, pois isto redunda en multitude de vantaxas para facer máis doado o obxectivo que se busca. Máis policía, durante máis horas e días efectivos de traballo, e con ordes precisas para controlar, vixiar, patrullar… e non o que sucede agora, que  non están ben dirixidos polos seus responsables políticos. Acerca disto e sobre outros aspectos de importancia como a seguridade viaria e a mobilidade propoñemos o seguinte:

1. Ampliación do cadro de persoal da policía local de Bergondo ata acadar, nunha primeira fase, a presencia policial efectiva os 365 días do ano. Nunha segunda fase estudaríase unha nova ampliación para contar tamén con efectivos durante as noites, co cal se cubrían todos os días en todos os horarios posibles.

2. Combater o vandalismo, cada vez máis presente nas infraestructuras públicas de Bergondo.

3. Mellora da seguridade viaria. Bergondo precisa avanzar decididamente na construción de novas beirarrúas ou sendas en todas as parroquias. Hai que arranxar o existente pero tamén hai que facer quilómetros novos. Exemplos: Gandarío-Cangas, Guísamo-límite con Cambre (en construcción, grazas ao impulso de Alternativa dos Veciños) dende o concello ata o polígono industrial pola AC164, estrada Armuño-Sada, etc etc.

4. Estudo a fondo dos “puntos negros” da nosa rede viaria e redacción de proxectos ou demanda a outras administracións para a súa supresión.

5. Seguir a implantar medidas efectivas para controlar a velocidade dos vehículos nas nosas estradas. E seguir a demandar da Deputación provincial que faga o propio nas súas vías. Sinalización, redutores de velocidade…

6. Creación de carril bici alí onde sexa posible habilitalo.

7. Mediante acordos co sector do taxi de Bergondo facilitar o transporte interparroquial para levar a xente ao médico, ao concello…

8. Revisión e adecuación de frecuencias e liñas de bus en determinados puntos do concello. Estudar a posibilidade de ter unha liña de bus circular municipal.

9. Ordenanza de vaos municipal. Moi necesaria.

10. Regulación racional do aparcamento en todo o municipio.

11. Taras de camións en camiños. Reformar a ordenanza de protección de camiños e talas, para incrementar as sancións para aqueles que as realizan sen os necesarios permisos ou que non tiveran depositado o pertinente aval.

12. Contratar a unha persoa que vixie as tallas de madeira nos montes e as condicións nas que estas se realizan.

13. Loitar porque a AP9 sexa gratuita na nosa comarca. Desviando, xa que logo, os tráficos pesados por esa vía.

Emprego

O desemprego é un dos maiores problemas dunha sociedade ou país, xa que aqueles que o sofren de maneira prolongada vense privados do acceso a bens e recursos básicos, que poden levar á exclusión social nalgúns casos e poden ser fonte de conflitos sociais e familiares. É por isto que garantir o acceso a un emprego digno é unha cuestión capital. Dende o ámbito da política municipal tamén se poden tomar iniciativas que favorezan o emprego, procurando establecer as condicións para que as empresas do municipio poidan levar a cabo a súa actividade nas mellores condicións ou que outras empresas foráneas decidan instalarse no noso concello. Para isto:

1. O noso polígono industrial é un motor económico  e xerador de ingresos pola vía contributiva fundamental para o noso municipio. É fundamental coidalo e artellar canles frecuentes e colaborativas coa comunidade de propietarios e a asociación de empresarios.

2. Cremos que podería ser de utilidade a posta en marcha dun viveiro de empresas municipal.

3. Elaboración dun Plan de Turismo Municipal, de tal xeito que se poñan en valor os recursos arquitectónicos, naturais e culturais do Concello (Pazo Mariñán, Mosteiro, Camiño Mariñán, a nosa costa, sendeirismo…).

4. Faremos xestións coa Xunta de Galicia para que oficialice como camiño de Santiago o ramal do Camiño Inglés que nace en Sada e leva a Betanzos, cruzando o noso municipio.

5. Creación dunha oficina de turismo municipal.

6. Estudar a creación dunha escola taller.

7. Impulsar un plan de acción laboral e acción formativas específicas para os desempregados do Concello.

8. Promover a produción agrícola local e comercio dos seus produtos.

9. Apoiaremos as iniciativas de promoción da xoiería que xurdan dende o colectivo de xoieiros, como por exemplo a posible creación dunha cooperativa de produción e aprendizaxe do oficio impulsada por este colectivo. Facilitaremos dende o concello todos os medios que estean na nosa man para impulsar un sector que sempre tivo en Bergondo un referente en Galicia e en todo o estado.

10. Introducir bonificacións, axudas ou exencións fiscais á contratación, descontos no imposto de actividades económicas a empresas que comecen a súa actividade ou aumenten o seu cadro de persoal, e bonificacións no ICIO (Imposto sobre construción, instalacións e obras) para compañías que se trasladen ao termo municipal.

11. Axilizar no posible os tempos de tramitación necesarios para a constitución e instalación de novas empresas.

 

Deportes e Vida saudable

A práctica deportiva é unha actividade que contribúe ao desenvolvemento físico e intelectual dos nenos e mozos, mellora a calidade e esperanza de vida das persoas adultas, e cumpre tamén con unha importante función social: A xente nova que practica deporte ocupa o seu tempo de lecer con actividades saudables, ao tempo que se socializa no seu entorno. Neste eido levaranse a cabo as seguintes actuacións:

1. Conforme ao deseño do novo Plan Xeral de Urbanismo, promoveremos que Bergondo conte cunha zona específica dedicada a unhas novas instalacións ou espazos deportivos municipais. Parte desa nova área deportiva tería que dedicarse a construír un campo de fútbol municipal. O que se está a facer na Senra é un complemento, mais non esa zona deportiva que suxerimos e defendemos. Actualmente vivimos de prestado no que atinxe aos campos de fútbol, e pagando unha renda anual á Igrexa polo uso de dous campos (o do Convento e o de Cortiñán) que non acadan uns mínimos que nos homologuen con calquera dos concellos da contorna.

2. Dotar a Bergondo dunha piscina pública municipal.

3. Elaboración dun programa específico de promoción do deporte, e as Escolas Deportivas de Bergondo, en colaboración coas asociacións e clubs deportivos existentes.

4. Potenciación dos deportes e actividades náuticas, así como outros deportes (atletismo, natación, remo…).

5. Mellorar os accesos ás instalación deportivas e lugares públicos, especialmente para as persoas discapacitadas.

6. Apertura dos ximnasios municipais ao público en xeral, e non no marco de actividades regradas, como sucede agora.

7. Planificación e apertura de sendeiros e rutas que percorran o municipio e puntos de interese de xeito ordenado e producindo o mínimo impacto ambiental (sendas verdes). Trátase de abrir pasos que permitan dende un simple paseo (a pé ou en

bicicleta) ata a realización dunha pequeña “travesía” entre distintas zonas do municipio, accedendo ás praias, sitios de interese como pazos, parques e instalacións públicas. Non só se fomentaría así o exercicio físico senón tamén a socialización dos veciños e veciñas, o turismo, e o respecto polo entorno natural e rural.

 

Educación, Patrimonio, Cultura e Lecer

Cómpre destacar que a educación é un piar fundamental da sociedade. O coidado do patrimonio e o fomento da cultura e o lecer deben ser obxectivos fundamentais de calquera administración. Medidas que van neste sentido serán as seguintes:

1. Crearemos dúas auténticas bibliotecas públicas municipais, unha en Bergondo e outra en Guísamo (na antiga rectoral). Bibliotecas con un enfoque moderno e orientadas non só a ser un mero almacén de libros. Neste sentido estudarase para ambas as dúas a opción de control de accesos que permita un uso ininterrumpido das mesmas todos os días do ano e as 24 horas do día.

2. Fomentarase o uso dos locais sociais parroquiais, en especial entre a mocidade e os nosos maiores.

3. Promoveremos as figuras senlleiras da cultura Bergondesa (Xoán Vicente Viqueira, Filomena Dato, os irmáns César e Florencio Vaamonde… Neste sentido poremos en marcha o Proxecto 24/25/26. En 2024 cúmprense 100 anos do falecemento de Viqueira, no 2025 100 anos do pasamento de Vaamonde, e no 2026 o mesmo con respecto a Filomena Dato e Pérez Lugín.

4. Realizarase un inventario do patrimonio cultural do concello (toponimia e microtoponimia, castros, cruceiros, fontes e lavadoiros…) e elaborarase un plan para a súa conservación e divulgación. Levarase a cabo un plan de sinalización dos núcleos de poboación e lugares de interese que poñan en valor a toponimia tradicional.

5. Plan Arqueolóxico municipal, aplicación das directrices contidas neste documento para consolidar o estudo e protección dos castros de Bergondo.

6. Creación dunha verdadeira escola de música e baile tradicional municipal.

7. Insistiremos en pedir á Xunta a posta en valor e habilitar o acceso á batería costeira de Corbeiroa, do século XVIII.

8. Fortalecer a relación cos centros educativos e as Asociacións de Nais e Pais, para recoller as súas demandas e promover medidas que melloren a calidade educativa e a conciliación familiar.

9. Fomentar a colaboración con institucións como a Escola de Capacitación Agraria de Guísamo (realización de cursos, cesión de instalacións, organización de visitas educativas para escolares, etc.).

10. Implementación de programas de educación para adultos, educación sexual para a xente nova e educación en igualdade, nas instalación da Casa da Cultura e a Casa da Mocidade.

11. Habilitar e abrir ao desfrute cidadá un parque en torno ao CPI Cruz do Sar, nos terreos que o rodean. 

 

Medioambiente

Un Concello cun desenvolvemento sostible, que respecte o medio natural, non só proporciona nunha mellor calidade de vida aos seus veciños (calidade do aire e das augas, ausencia de contaminación atmosférica, das augas ou acústica…), senón que tamén proporciona un retorno en termos de actividade económica e turismo.  De entre as medidas que se porán en marcha neste eidos destacamos as seguintes:

1. Completar a dotación de saneamento municipal en todas as parroquias. 

2. Fomento e ordenación da recollida e reciclaxe de residuos no marco do Consorcio das Mariñas. Elaborarase un plan para fomentar a compostaxe e así reducir a cantidade de residuos sólidos que se xeran no concello. As accións a contemplar incluirán a creación de puntos de compostaxe de residuos de poda e xardín. Máis contedores específicos nas parroquias. 

3. Recuperar O Regueiro no que atinxe ao proxecto de contención dos cantís.

4. Potenciación dun verdadeiro voluntariado ambiental de Bergondo.

5. Eliminación dos puntos de vertido ilegal de residuos sólidos.

6. Promover incentivos e políticas que fomenten as fontes renovables de enerxía.

7. Promover políticas de educación ambiental e favorecer o bosque autóctono como elemento paisaxístico e recurso económico sostible.

8. Máis árbores e plantas en zonas públicas e cambio radical con respecto ás podas, non se executan ben, o que dana as árbores.

9. Estudar a creación dun Espazo Natural de Interese Local (ENIL) nos bosques e no regato de Callou. E na Costa de Ouces/Brañas de Sada.

10. Protección da paisaxe. Pode soar moi xenérico, mais son moitas as medidas que se poden adoptar dende o goberno para coidala. Por exemplo, estar vixiantes respecto da proliferación de liñas eléctricas aéreas, torretas de telecomunicacións ou postes de todo tipo, carteis de obras finalizadas fai boa…etc,

todos estes elementos que ofrecen un impacto ás veces moi negativo sobre a paisaxe ou o entorno dos núcleos.

11. Estudar implementación de fontes de enerxía renovables (placas solares, por exemplo) nos edificios públicos bergondeses. Eficiencia enerxética. Concello?

12. Bonificacións no IBI para a instalación de placas solares.

13. Exixir á Xunta de Galicia a aplicación dun plan de choque para reducir a poboación descontrolada de xabaríns.

14. Combater as especies invasoras; “plumachos”, picudos vermello das palmeiras. Etc. Afondando na concienciación e colaboración cidadá ao respecto.

15. Políticas de concienciación cidadá sobre civismo e corrección de conductas inapropiadas sobre a xestión de basuras; uso axeitado de colectores de lixo, basura nas cunetas ou nos cauces dos regatos, etc.

16. Se ben é certo que mesmo dentro do noso grupo este asunto xera debate, volveremos estudar a posibilidade de que poida haber en Bergondo unha praia (ou parte dela) onde se admitan cans, tamén durante a tempada de baño estival.

 

Xestión municipal, transparencia, participación cidadá e servizos municipais

A xestión municipal guiarase polos principios de transparencia, eficacia e participación cidadá. A corporación municipal protagoniza a acción política, pero un equipo de goberno serio e traballador será, ademais, correa de transmisión de múltiples propostas e solicitudes da cidadanía, e será quen de materializalas. Non esquezamos nunca que nos debemos ao servizo público para o que fomos elixidos. Nestes ámbitos adoptaranse as seguintes iniciativas:

1. Desenvolver as posibilidades do Regulamento de participación Veciñal aprobado grazas ao noso impulso e mellorar o instrumento dos orzamentos participativos. Ata o de agora está tendo moi pouco alcance, recoñezámolo, e polo tanto mellorémolo.

2. Potenciar o papel das Asociacións de Veciños e outras asociacións presentes no concello (asociacións recreativas, culturais, subministro de auga veciñal…) e proporcionar canles para recoller as súas demandas.

3. Facer realmente funcional a Sede Electrónica de Bergondo para que chegue a ser ampliamente utilizada polos usuarios que o desexen.

4. Afondar e mellorar a funcionalidade e capacidade de resposta perante as incidencias que entren pola APP “Bergondo Contigo” -impulsada pola nosa acción de goberno- ou por outros medios.

5. Información a través da instalación de paneis electrónicos que serán ubicados en puntos estratéxicos do noso territorio.

6. Estudar xurídica e economicamente a posible xestión pública de certos servizos que a día de hoxe se manteñen en réxime de concesión. Especialmente o servizo de subministro de auga e saneamento, cuxo contrato está prorrogado.

7. Supresión inmediata da cita previa obrigatoria na admininstración local.

8. Supresión con carácter inmediato da opción de teletraballo do persoal a servizo da administración local de Bergondo.

9. Seguiremos a loitar porque outros organismos que atinxen a Bergondo (Seguridade Social, Sepe, etc) operen coa mesma normalidade que a que tiñan antes da pandemia e eliminen restriccións impropias a estas alturas como son a cita previa obrigatoria ou a limitación de aforos.

 

Servizos Sociais

Os servizos sociais serán unha das prioridades da nosa acción de goberno. Os desempregados, as persoas en risco de exclusión social, os dependentes e os nosos maiores merecen unha política social que lles permita afrontar a súa vida diaria con dignidade. Unha sociedade que non coida e protexe aos máis desfavorecidos é unha sociedade profundamente inxusta. O proceso gradual pero sostido de envellecemento da poboación supón tamén un reto para os servizos sociais municipais. Os nosos maiores son a memoria viva do noso patrimonio histórico e cultural máis inmediato, e merecen o recoñecemento e o apoio do conxunto da sociedade. De entre as medidas que se adoptarán para potenciar os servizos sociais destacan:

1. Debemos facer todo o posible e necesario para lograr un centro de día para persoas maiores e dependentes.

2. Reforzar o cadro de persoal do departamento de Servizos Sociais. Actualmente está desbordado pola carga de traballo.

3. Potenciar e reforzar a asistencia a domicilio para as persoas maiores e dependentes. Mellorar a atención do SAF (Servizo de Axuda no Fogar).

4. Estudar a posta en marcha dun servizo a domicilio da comida central do día, xestionado polo concello, e elaborada por provedores locais.

5. Estudar a demanda de prazas de gardería, axeitando a oferta a dita demanda.

6. Estudar a posta en marcha dun servizo de limpeza de roupa, mediante servizo de recollida e lavandería.

7. Conciliación nen@s unitarias, posibilidades de madrugadores/comedor.

8. En tanto non se dispoña dun centro de día, avogamos por artellar un servizo de voluntariado que permita facer compañía ás persoas que viven soas, no marco, tamén, dun proxecto de recollida de datos e historias que permitan crear unha “memoria viva de Bergondo”.

9. Plans específicos de prevención e axuda aos drogodependentes.

10. Modificación da ordenanza do IBI con exencións/bonificacións para as familias numerosas.

11. Adopción de medidas para o pago fraccionado dos impostos e taxas municipais.

12. Plan específico de prevención da violencia de xénero.

13. Programa municipal de conciliación.

14. Facer modificacións no programa “Universo Diverso”, introducindo elementos de integración dos grupos nas saídas socioculturais. E a posta a disposición dos usuarios de talleres formativos, de todo tipo.

15. Coordinadamente cos servizos urbanísticos do concello e as forzas da orde haberá que tomar medidas contundentes para acabar cos locais onde se exerce a prostitución en Bergondo. Xa está ben iso de ser coñecidos na provincia polos locais de alterne.

 

Mocidade

Algúns dos problemas máis dramáticos da xente moza son as elevadas taxas de desemprego e as dificultades para o acceso á vivenda. Mais tamén cremos que a sociedade no seu conxunto presenta unha actitude de desconfianza fronte á mocidade que coarta a súa participación na vida social, política e económica dos Concellos. Dende a candidatura de Alternativa dos Veciños preguntámonos onde están os mozos e mozas de Bergondo cando rematan a escola primaria. Pensamos que a resposta é ben sinxela; neste concello non existen apenas actividades orientadas a eles e practicamente non se promove a súa participación na vida social e política. Por suposto, as escasas expectativas laborais da comarca, sobre todo no que se refire a empregos de alta cualificación, fai que moitos dos nosos mozos migren a outras áreas que ofrezan máis oportunidades. Non esquezamos un tema importantísimo:

moita xente moza vese forzada e formar a súa vida noutros concellos debido á escaseza de vivenda, ben porque non é asequible ou simplemente porque non existe oferta da mesma. Non todos poden dispor dunha finca edificable que lles ceda a súa familia para poder edificar unha vivenda. Cantos mozos e cantas mozas marcharon de Bergondo cara a Culleredo, Carral, Oleiros, Sada… para ter acceso a unha vivenda nos últimos anos?

En liña con estas reflexións, adoptaranse as seguintes medidas:

1. Potenciación da Casa da Mocidade, existente grazas ao noso impulso.

2. Estudar a creación doutra casa da mocidade en Guísamo, non antigo edificio da “Hermandad”.

3. Creación dunha OMIX (Oficina municipal de información xuvenil).

4. Apoio específico ás iniciativas emprendedoras de xente nova.

5. Impulsar un acordo co tecido empresarial de Bergondo para que oferten de xeito regular prácticas á nosa mocidade (universitarios, FP…) para que entren en contacto co mundo laboral.

6. Política de vivenda enfocada á mocidade.

7. Actividades especificas e variadas para a mocidade.

8. E-biblioteca nas futuras bibliotecas públicas de Bergondo e Guísamo.