Cuberta programa Bergondo

PARROQUIAS E POLÍGONO DE BERGONDO

 

As parroquias e o polígono industrial, algunhas medidas específicas para cada un destes dez ámbitos territoriais e económicos

Parroquia de Bergondo

1 – Mellora de seguridade viaria no entorno da rotonda “dos condes”. Notable problema de mobilidade para os peóns que queren cruzar dun lado a outro da vía neste punto.

2 – Dúas zonas de servizos, equipamentos (administrativos, de saúde, escolares, deportivos) como son o entorno da casa consistorial e A Senra son alleas unha á outra no que atinxe a mobilidade. Conectalas, creando un itinerario seguro para peóns, bicis, patinetes… sería fundamental.

2 – Estudar coa Deputación a construción de sendas peonís en varios puntos, coma por exemplo Cortes (DP0802), Bergondiño (DP0808), Mariñán (DP0805 e DP0804) ou Montecelo (DP0806).

3 – Sacar a concesión a cafetería do edificio da Senra.

4 – Pazo de Mariñán, paseo de madeira bordeando as murallas do pazo, polo exterior. Insitir nesta demanda xa formulada.

5 – Reclamar de novo actuacións na estrada AC161. Precisa obras de envergadura, para solucionar o problema das augas pluviais, un reasfaltado en condicións e adopción de medidas de seguridade viaria. 

Cortiñán

1 – Antiga escola de Cortiñán, definir novos usos, inexistentes na actualidade.

2 – Suprimir o uso incadecuado do sótano do palco da música por parte de xente afín ao PSOE.

3 – Paso por debaixo da ponte da vía do tren; habería que acordar solucións con Adif. É un punto moi inseguro da rede viaria da parroquia.

4 – No marco das futuras obras de Fomento en Cortiñán, facer da estrada provincial unha vía unidireccional na zona do estanco e a escola, ampliando beirarrúas.

5 – Arranxo de beirarrúas e construcción de outras novas.

6 – instalación de varandas protectoras alí onde existe perigo de caída, a carón das beirarrúas, en varios puntos.

Guísamo

1 – Praza pública de Guísamo. Proxecto de arranxo, mellora e humanización. 

2 – Nomeado de rúas da parroquia. Este será un programa piloto para logo estender o modelo a todo o concello.

3 – San Paio, desbloquear segunda fase do proxecto de ampliación da DP0810, á altura de Villa Julia. A Deputación debe retomar este asunto e retomalo xa.

4 – Paso peonil a carón do túnel de San Paio. Xa solicitado a Autoestradas. 

5– Casa Rectoral, convenio coa Igrexa para obter o uso deste edificio por un longo período de tempo. Creación dunha biblioteca, a biblioteca José García Verdía.

6 – Pazo de Baldomir, obtención do pazo e creación dun parque público, seguindo o modelo do Parque Ibarrola de Montrove.

7 – Casa Cortés. É un ben catalogado que esmorece de xeito alarmante. Algo hai que facer ao respecto.

8 – Posta en marcha do programa “Guísamo ten futuro”, refrendado maioritariamente pola poboación de Guísamo e non tido en conta pola actual alcaldesa. De xeito resumido; dúas rotondas, máis prazas de aparcamento, resolución de problemas coas aguas residuais, arranxo de accesos a vivendas dende a N6, humanización, arranxo de parada de taxi, etc.

Lubre

1 – PLAN LUBRE:

a) Saneamento da parroquia. É urxente.

b) Paseo fluvial do Río Maior.

c) Potente inversión en arranxo de camiños de toda a parroquia, en aglomerado, unha vez feitas as acometidas ao saneamento. Durante estes anos non se puideron levar a cabo asfaltados deste tipo, lastrados pola falta de saneamento, non era sensato aglomerar e logo romper para facer conexións de saneamento.

Tampouco podía nin poderá haber saneamento mentres non se instale o colector troncal e principal que irá baixo o paseo fluvial do Río Maior, proxecto que aínda non se puido levar a cabo debido á complexa tramitación que conleva o mesmo.

O PLAN LUBRE pode resumirse como un esforzó extra de investimento nunha parroquia, a de Lubre.

Chegados ao momento no que nos atopamos diremos que a Parroquia de Lubre precisa dunha certa “discriminación positiva”, e ímoslla proporcionar.

2 – Estudar coa Deputación a construción de sendas peonís na DP0803, na DP0813 e na DP0812.

3 – Convenio coa Igrexa para lograr o uso veciñal da antiga casa rectoral.

4 – Planta de tratamento de residuos de Obra de Paño, non a permitiremos.

Moruxo

1 – Estudar a posibilidade de habilitar un centro social

no lugar de Moruxo.

2 – Cantís do Regueiro. Existe un proxecto estatal de consolidación dos cantís e construción dun pequeño paseo. Deberemos esixir ao ministerio o desbloqueo do mesmo.

3 – Non se sostén non instalar servizos básicos de praia do  Regueiro argumentando que é un entorno natural e iso iría en contra da súa consideración como praia máis “natural”. É absurdo. Instalaremos algunha ducha/lavapés e haberá papeleiras durante a tempada de baño.

4 – Núcleo do Pedrido, pode converterse nun foco de turismo e vacacional moi atractivo se somos quen de reordenar a súa liña costeira e aplicamos un deseño intelixente ao núcleo dende o punto de vista urbanístico.

5 – Control na explotación dos recursos marisqueiros e mariños no Regueiro.

6 – Volver demandar da Xunta medidas de seguridade viaria para a AC164 ao seu paso por Fiobre e unha solución satisfactoria para as pluviais da ponte do Pedrido, que caen dende unha gran altura, ocasionando danos nas vivendas e no pavimento dos camiños municipais.

7. Solicitar á Xunta que inclúa no censo de augas de baño a praia da Cabana. A día de hoxe non se fan analíticas nela. Debemos coñecer a calidade das augas de baño nas nosas catro praias, e non só en tres delas.

Ouces

1 – Algo que non se puido realizar neste mandato; unha cuberta para a pista deportiva da Fragachá. Revisar a cuestión.

2 – Novas beirarrúas ou sendas na parroquia, por exemplo entre A Fragachá e Cangas.

3 – Estudar coa Deputación a construción de sendas peonís na DP0813.

4 – Suprimir o tapón que supón a saída da rotonda na AC162 cara a Fragachá. Xa o tiñamos case contratado e a alcaldesa paralizouno.

5 – Estudar a ampliación do patio de xogos na escola infantil de Silvoso, moi pequeno hoxe.

6 – Ampliación dos usos municipais do albergue de Gandarío mediante acordos coa Xunta, propietaria das instalacións. Sobre todo orientando eses usos á programación de cursos e orientación laboral.

7 – Estudar a implantación dunha ruta de sendeirismo que conecte o futuro paseo fluvial do Río Maior coas Brañas, en Sada.

8 – Prolongar senda peonil da praia, ata a DP0807.

 

Rois

1 – Construir un centro social na parcela dotacional da parroquia. É a única parroquia das nove que non ten.

2 – Estudar coa Deputación a creación dunha senda peonil a carón da DP0801.

3 – Instalar un parque biosaludable, haino en todas as parroquias, agás en Rois.

Santa Marta de Babío

1 – Estudar a posibilidade de habilitar unha pista deportiva na parroquia, inexistente a día de hoxe.

2 – Estudar coa Deputación a creación de sendas a carón da DP0802, entre O Casal e Babío, conectando con Cortes e na DP0801, entre O Casal e Rois.

3 – Conveniar coa Igrexa o acondicionado do Adro, lugar de forte significado para a parroquia e miradoiro privilexiado do concello e da comarca.

4 – Senda peonil entre o centro social e a AC164, actualmente en estudo e redacción de proxecto.

 

Vixoi

1 – Volver analizar a posible construción dunha cuberta na pista deportiva de Vixoi, imposibilitada a día de hoxe pola liña eléctrica que pasa a carón do lugar.

2 – Estudar senda ou aproveitamento de cuneta en camiño de Pisón e Miodelo, seguridade viaria.

3 – Reordenar e dotar de máis servizos e equipamentos o entorno do centro social e a zona verde, mellorando o parque infantil.

4 – Reordenar e reacondicionar entorno igrexa (convenio coa Igrexa, de ser o caso).

5 – Retomar a idea de construír a praza Xoán Vicente Viqueira, un vello proxecto que non da visto a luz.

6 – Estudar coa Deputación a construcción de máis senda a carón da DP0801, entre o centro social e Rois.

 

POLÍGONO DE BERGONDO

1 – Deslinde da ámbito público do polígono. Asunto pendente dende a súa creación.

2 – Estudar a posible reforma e ampliación da depuradora do polígono e a posibilidade de construir un tanque de tormentas.

3 – Mantemento viario coidadoso e frecuente.

4 – Adopción de medidas efectivas de control de velocidade dos vehículos nas súas rúas.

5 – Cambio en denominación das súas rúas, de xeito gradual (non todas á vez). Cos navegadores sucede que as actuais denominacións das mesmas inducen a confusións frecuentes.

6 – Desbroce de taludes e zona verde TODOS os anos, antes do 31 de maio.

—————————————————