QUE É A ALTERNATIVA DOS VECIÑOS?
Alternativa dos Veciños é un xeito diferente de facer política.
Somos un movemento progresista e plural que respecta ante todo a entidade ideolóxica das persoas. Un movemento asembleario nacido en Oleiros en 1979, formado por homes e mulleres que loitan por unha sociedade xusta e solidaria na que todo o mundo poida vivir dignamente.
A política de Alternativa dos Veciños fomenta unha administración pública máis transparente, máis áxil e comprometida coa veciñanza. Unha política desde abaixo, con vocación de servizo e feita por xente honesta, onde non caben os intereses particulares e mafiosos.
O POR QUE DA CANDIDATURA
A nosa comarca e o concello de Arteixo están a vivir un momento crucial para o seu desenvolvemento. Unha oportunidade única que precisa dunha serie de cambios políticos e institucionais necesarios para tender pontes, asegurar a gobernabilidade e demandar de xeito conxunto servizos e infraestruturas que actualmente se atopan nunha situación precaria polo desgoberno e a desidia política dos principais partidos políticos.
Desde Alternativa dos Veciños queremos un cambio no rumbo das políticas que levan paralizando as administracións desde hai moito tempo. Precisamos dunha xestión seria e comprometida co municipio para xerar un futuro de oportunidades.
A nosa forma de xestionar o público está avalada por 40 anos de políticas eficaces na consecución do benestar. Non somos un experimento de laboratorio nin un partido de novo cuño só preocupado pola imaxe. Somos persoas comprometidas, dispostas a loitar por mellorar a calidade de vida, os servizos públicos e o benestar dos nosos veciños e veciñas. Chegamos dispostos a levantar as alfombras, varrer o po e encher de aire fresco a vida política de Arteixo.
O NOSO COMPROMISO CON ARTEIXO
Desenvolvemento Urbano Sostible, Chan e Vivenda
O Plan Xeral de Ordenación Urbanística é o motor de desenvolvemento dun concello. Un documento que fomenta a calidade de vida e permite un crecemento urbano sostible no que o medio ambiente prevaleza sobre o cemento.
Defendemos un marco legal que permita a cada persoa saber a cualificación da súa propiedade e onde pode e non pode construír, eliminando a incerteza e establecendo unha legalidade que sirva como referencia.
Inexplicablemente (incluso con maiorías), a corporación local en o 8 anos non foi capaz de sacar adiante un PXOM que lle outorgue a Arteixo o nivel de vida que merece. O crecemento urbano dun concello non pode estar baseado en actuacións puntuais que o único que fan é favorecer proxectos especulativos que non pensan na veciñanza.
COMPROMISOS:
- Aprobación do Plan Xeral é unha das prioridades para Alternativa dos Veciños en Arteixo para asegurar un marco legal de urbanismo que garanta un crecemento sostible e amable co medio ambiente.
- Eliminación das liñas de alta tensión que atravesan a urbanización de Sol e Mar.
- Crear un departamento de urbanismo que xestione e colabore coa iniciativa privada na firma de convenios.
- Conveniar e resolver os deslindes do concello que están pendentes cos concellos limítrofes.
- Axilizar os tramites de aprobación das licenzas de obra.
- Promover a construción de vivendas sociais e de protección oficial, tendo en conta a demanda existente.
- Facer chegar a rede de auga sanitaria e rede de sumidoiros a todos os núcleos de poboación das zonas rurais.
- Realizar estudo económico para mellorar e abaratar os prezos dos servizos de recollida do lixo, auga, iluminación, limpeza viaria e saneamento.
- Revisar concepto de aplicación IBI (Imposto de bens inmobles).
- Levaremos a cabo a finalización do paseo fluvial e poñeremos en marcha novos proxectos para facer outros.
- Construción dun mercado municipal de abastos.
- Construción dun cemiterio municipal que dea servizo a toda a poboación.
Traballo Digno e Redución do Paro
O paro é unha das maiores lacras que azouta este país desde o inicio da crise financeira do 2008. Sendo Arteixo un referente industrial é un dos máis castigados pola problemática do paro.
O envellecemento da poboación fai do emprego xuvenil unha das grandes prioridades políticas. A crise elevou de xeito catastrófico os índices de paro nos máis novos. Temos a xeración máis e mellor preparada da historia cun capital humano envexable. É unha irresponsabilidade permitir que ese capital se vexa obrigado a emigrar.
É unha obrigación dos responsables políticos propiciar un contexto que asegure unhas condicións de vida e traballo dignas para a xuventude.
Tamén, provocou a perda do emprego en persoas cunha vida laboral avanzada e que agora se atopan con moitas dificultades para reincorporarse ao mundo laboral.
Desde os concellos temos a capacidade de mellorar en parte eses índices de emprego na poboación e contribuír ao crecemento global.
Nunha sociedade denominada de benestar todo o mundo ten dereito a un traballo cunhas condicións dignas e desde Alternativa dos Veciños loitaremos para tentar convertelo nunha realidade.
COMPROMISOS:
- Apostar por novas políticas activas de emprego que se axusten á realidade socio-económica do concello.
- Desenvolver desde o concello programas de colaboración para que as veciñas e veciños intégrense con maior facilidade nunha actividade laboral a través de centros de formación, espazos para o fomento do emprendemento e obradoiros de inserción laboral.
- Facilitar a integración das persoas con discapacidade para impulsar a súa incorporación ao emprego.
- Promoción e divulgación de axudas procedentes das diferentes administracións dando asesoramento e orientación.
- Aprobar unha RPT (Relación de Postos de Traballo) conforme ás necesidades reais, a cal contemplará como se realizará e levarán a cabo tanto a provisión como a cobertura das vacantes dos postos resultantes, garantindo sempre os principios de mérito e capacidade.
- Potenciar o comercio local, a hostalería e a industria.
Impulsar a produción e comercialización dos produtos das zoas agrícolas, gandeiros e forestais defendendo sempre os seus intereses cara á administración. - Conceder beneficios fiscais ás empresas que se instalen no concello e contraten traballadores en paro do mesmo.
- Creación dun Plan de Desenvolvemento Turístico Local que contribúa a poñer en valor toda a nosa riqueza patrimonial e natural.
Benestar na Terceira Idade
As políticas de Alternativa dos Veciños dirixidas a persoas maiores teñen como fin último a súa calidade de vida e o seu benestar de forma inclusiva e participativa, transformándoos en protagonistas das súas decisións e outorgándolles a posibilidade de ter un envellecemento activo e dinámico na súa propia contorna.
Doutra banda, tamén existen situacións concretas e individualizadas que motivan a necesidade dunha serie de servizos de atención persoal, flexible, de proximidade, en definitiva unha atención que cubra todo os ámbitos para que os nosos maiores poidan vivir con dignidade.
Todos os servizos e programas do municipio serán flexibles e adaptados a todas as necesidades e deben estar orientados á consecución de mellor calidade de vida posible. As políticas de benestar social son o compromiso de Alternativa dos Veciños cos nosos maiores e coas súas familias.
COMPROMISOS:
- Para asegurar o correcto desenvolvemento e atención dos nosos maiores é preciso seguir implementando e ampliando políticas tales como o Servizo de
- Axuda no Fogar, Comida Sobre Rodas e Teleasistencia.
- Impulsar a creación de novas residencias xeriátricas, Centros de Día e Lecer.
- Mellora da rede de transporte interparroquial, onde se garanta o acceso dos veciños do rural ao transporte público. Isto é especialmente importante para toda a xente maior ou sen recursos, para que poidan acudir a servizos tan importantes como o Centro Médico, á Farmacia, ao Banco ou ao Concello.
Defensa da Sanidade e Educación Públicas
A imposición das políticas neoliberais, en moitos eidos da vida política, está a favorecer procesos de privatización nos servizos públicos, comezando desde os sectores estratéxicos da economía e rematando por servizos básicos e imprescindibles dentro dun Estado de Benestar como son a Educación e a Sanidade.
Aínda sendo estas dúas competencias autonómicas, desde Alternativa dos Veciños pensamos que os concellos teñen que levar a cabo unha defensa forte do sistema público de Sanidade e Educación a todos os niveis.
Entendemos que desde a xestión do benestar da nosa cidadanía, os concellos poden tamén incidir na mellora do estado de saúde global e a vida cultural.
COMPROMISOS:
- Promover a actividade física a través de actividades, impulsando campañas de concienciación para favorecer os hábitos de vida saudables.
- Impulsar a posta en marcha no concello dun programa de Prevención e Actuacións sobre Drogodependencias.
- Promover as melloras no servizo de Atención Primaria e Urxencias de 24 horas para que sexa eficaz e adaptado ás necesidades do noso concello.
- Realizar as xestións pertinentes para que suplan as carencias existentes de persoal sanitario na atención primaria.
- Facer as xestións necesarias para que se instale unha sala de raios diagnostico nun dos centros de saúde de Arteixo.
- Solicitar e tamén substituír aparataxes esenciais para o desenvolvemento da atención primaria nos diferentes centros de saúde do municipio.
- Mellorar a calidade e a eficacia da atención especializada que prestan os servizos sociais.
- Solicitar a adaptación e ampliación da FP (Formación Profesional) á demanda empresarial do concello.
- Solicitar a construción de novos Centros de Educación Pública.
- Posta en marcha de programas para concienciar á poboación sobre a tolerancia cero coa violencia de xénero, para que este problema sexa residual impulsándoa nos colexios públicos no ensino desde a infancia.
- Esixirase a adaptación da rede de centros á nova realidade tecnolóxica.
- Realizar cursos bonificados de formación en idiomas ( inglés, francés…)
- Realizar campamentos de intercambio de idiomas.
Información ao Servizo da Veciñanza
Nun mundo cada vez máis deshumanizado, antisocial e preso da inmediatez e das novas rutinas de consumo, a poboación ten, paradóxicamente, máis posibilidades de sufrir desinformación.
Os medios de comunicación de masas queren exercer sobre nós a súa influencia tentando manipularnos, respondendo así a unha lóxica mercantilista na que prima a exclusiva e o morbo sobre o dereito a unha información veraz. Por estas razóns, os concellos teñen a obriga de garantir na medida das súas posibilidades e competencias a creación de espazos que sirvan á cidadanía para acceder a unha información de proximidade.
COMPROMISOS:
- Creación dun voceiro municipal.
- Recuperar a Radio municipal en Arteixo para darlle unha utilidade pública.
- Dotar das infraestruturas necesarias para que todos os núcleos rurais do municipio teñan conexión a Internet de alta velocidade.
- Instalación de rede Wifi en todos os edificios públicos e prazas públicas.
- Instalación de paneis electrónicos informativos en todas as parroquias.
- Posta en marcha de medios de formación para para facilitar o acceso e comprensión da Administración Electrónica aos veciños.
- Establecer un horario dos plenos acorde á realidade laboral e social das persoas do municipio tomando como exemplo outros concellos en que as seccións plenarias son celebras ás 20:00 – 20:30 horas, xa que consideramos que os plenos son unha liña directa que conecta a actividade política do municipio cos veciños.
Vida Cultural e Deportiva
Outro dos problemas fundamentais da nosa sociedade é que a cultura está sendo relegada a un papel residual dentro das políticas públicas. As veciñas e os veciños teñen dereito a gozar de ferramentas que fagan a súa vida cultural máis rica.
O deporte é outro dos nexos de unión máis importante e enriquecedor entre veciños. Non pode ser que este concello adoeza a estas alturas de certos equipamentos deportivos, actualmente nun estado moi precario.
COMPROMISOS:
- Promoción de obradoiros e actividades municipais, creación e fomento de exposicións artísticas, charlas e coloquios, presentacións de libros e documentais, fomento de museos e de patrimonio cultural.
- Creación de bibliotecas públicas, centros sociais e de lecer, obradoiros de lectura, escritura e infraestruturas, festivais de música, poesía e danza ou artesanía.
- Posta en marcha dun verdadeiro Centro Cultural, onde as distintas Asociacións e Artistas dispoñan dun espazo con salas de ensaios, con aulas de formación, con espazos onde as Agrupacións e artistas poidan amosar o seu traballo.
- Creación da Casa da Mocidade.
- Eliminar o excesivo gasto en contratacións externas de artistas sen ningún tirón nin interese para Arteixo, e esa inversión adicala á cultura, ás agrupacións e ós artistas locais, cun claro apoio á cultura local.
- Promover e patrocinar festas gastronómicas e romarías típicas.
- Mellora dos equipamentos e infraestruturas do municipio.
- Creación de parques infantís e adaptación dos mesmos para que nenos e nenas con problemas de mobilidade poidan gozar das instalacións.
- Poñer en marcha o proxecto “O deporte como formador da persoa”, no que se preste especial atención ao deporte de base.
- Dinamización das actividades deportivas e a creación de competicións, cursos e actividades de ámbito municipal.
- Poñer en marcha unha verdadeira liña de axudas a deportistas de élite, aqueles que polas súas calidades e talento tivesen oportunidade de acadar metas de importancia.
- Achegar as actividades deportivas e culturais a todas as parroquias.
- Axudar e colaborar cos diferentes clubs e asociacións deportivas.
- Promover o deporte feminino.
- Creación da oficina de atención á inmigración para prestar información e asesoramento en cuestións sociais e ofrecer apoio para favorecer a inserción social e laboral.
O noso Medio Ambiente e Patrimonio Natural
Pensa no teu Concello. Pensa no lugar que ocupa no mapa. Non estamos nun punto privilexiado? Non é Arteixo un lugar cunhas oportunidades inmellorables? Por desgraza a mala xestión e a falta de preocupación pola contorna provocaron que Arteixo sexa máis coñecido por núcleos urbanos onde abunda o feísmo tan tristemente asociado a certas zonas de Galicia, onde o cemento gaña a batalla e os parques públicos brillan pola súa ausencia.
Un dos órganos vitais do proxecto político de Alternativa dos Veciños é a defensa do patrimonio natural e do medio ambiente. Son os nosos pulmóns.
A defensa deste patrimonio non é unha simple cuestión programática: está no noso ADN.
COMPROMISOS:
- Creación de parques e zonas verdes.
- Recuperación e reparación dos camiños reais.
- Novas construcións de pistas forestais.
- Eliminación de vertedoiros ilegais.
- Mellora da limpeza de maleza en todas as parroquias.
- Recuperar as concas hidrográficas, creación de sendas verdes e mantemento preventivo dos leitos en todos os rios do concello.
- Contedores de reciclaxe para todas as parroquias.
- Realizar campañas de divulgación e información sobre a reciclaxe para coidar e protexer o medio ambiente.
- Políticas medio ambientais (proxectos e plans sobre a recuperación do medio ambiente).
- Realizar campañas para concienciar e formar a poboación nas obrigas e coidado dos animais.
Mobilidade, seguridade viaria e cidadá
Un dos grandes retos que ten por diante o noso concello é o desconxestionamento do tráfico do centro do pobo, xa que na actualidade existen grandes problemas de circulación e de seguridade viaria.
Doutra banda, tamén debemos adoptar medidas para emendar os frecuentes problemas de seguridade cidadá que se están a producir nos últimos tempos e que afectan de forma directa á poboación.
COMPROMISOS:
- Buscar solucións para que o bus urbano circular poida chegar o maior número de veciños e veciñas posible.
- Procura de actuacións para fomentar o uso do transporte público, favorecendo que os veciños dispoñan de medios para moverse sen necesidade de vehículo privado.
- Demandar unha saída- entrada Sur na autoestrada Coruña- Carballo, así como a conexión do Quinto Pino co polígono de Pocomaco.
- Propoñeremos alternativas para que o tráfico rodado de vehículos pesados sexan desviado do centro de Meicende.
- Seguir insistindo na eliminación da peaxe na autoestrada Coruña- Carballo.
- Dotar de beirarrúas todos os núcleos de poboación das zonas rurais.
- Aumento do Carril-Bici.
- Realización de senda peonil para ir os nenos ao colexio.
- Realizar as adaptacións necesarias para facilitar o acceso ás persoas con mobilidade reducida. Eliminar barreras arquitectónicas.
- Instalación de pasos de peóns intelixentes.
- Dotar de luminarias a todas as parroquias.
- Reforzar a seguridade cidadá ampliando o persoal de policía, ampliando e actualizando se é necesario os convenios cos corpos e forzas de seguridade.
Honestidade, Transparencia e Participación Cidadá
Vivimos nun momento no que a cidadanía, cada día, está máis desencantada coa política. Este fenómeno cobra sentido desde o punto de vista da lacra da corrupción, que afasta ao político da veciñanza. Ten sentido que unha persoa perda a esperanza na utilidade da política se cada día se destapan grandes escándalos de corrupción no seo dos grandes partidos, e mesmo dos de nova creación.
Así e todo, desde Alternativa dos Veciños defendemos a política como unha ferramenta da cidadanía para acadar o progreso e o benestar, sempre desde a honestidade e a comunicación coa veciñanza. Así o levamos practicando desde hai décadas a través dun sistema de asembleas e entidades sociais que permite a opinión directa da poboación e achega a política ás veciñas e veciños.
Moitos partidos políticos levan a transparencia como fío condutor nas súas campañas mentres as súas accións demostran o contrario. Para Alternativa dos Veciños a transparencia non é unha promesa electoral, é o noso compromiso con todos e todas vós.
COMPROMISOS:
- Realizar asembleas abertas semestrais en todas as parroquias para que sexan visibles as inquietudes dos veciños.
- Creación dunha plataforma dixital mediante a cal os veciños poidan achegar as súas peticións.
- Fluidez na atención aos cidadáns á hora de realizar xestións no concello.
- Controlar a contratación de empresas na obra pública e supervisión na execución das obras.
- Control de subvencións en asociacións veciñais.
- Transparencia, legalidade e eficiencia na xestión municipal.
- Plan de modernización de sistemas de información do concello, renovación e transformación dos seus sistemas de información como base para a mellora da súa xestión interna e para o deseño e implantación da infraestrutura necesaria para o desenvolvemento dunha nova administración electrónica municipal.
- Realizar auditoría de contas.
Área Metropolitana e Servizos Mancomunados
Alternativa dos Veciños é un movemento que cre na xestión pública pero non nas duplicidades. Moitos políticos están desexando crear novos entes e organismos para poder seguir vivindo das rendas.
Nós defendemos e propoñemos a creación da Área Metropolitana como unha suma de forzas na que todos gañamos. Sen duplicar cargos nin competencias. Un proxecto que sitúe a esta zona de Galicia á vangarda do Estado en moitos ámbitos. Desde Alternativa dos Veciños pensamos na Área como un ente que, fronte á fricción actual por certos intereses partidistas, sexa un instrumento que permita afrontar certas políticas de xeito conxunto e nunha dirección que mellore substancialmente a calidade de vida de todos os habitantes desta comarca.
Grazas a esa suma poderemos demandar a xestión conxunta de servizos a nivel metropolitano.
Única alternativa para a gobernabilidade
A experiencia que outorga a boa xestión é unha garantía de gobernabilidade. Alternativa dos Veciños leva anos demostrando que é posible gobernar e sacar adiante un municipio. Existen concellos da Comarca da Coruña que, mesmo con mayoría absoluta, son incapaces de sacar adiante orzamentos ou aprobar un Plan Xeral de ordeamento urbano. Iso non se pode permitir. É necesario mudar as cores desas corporacións e tinguilas de verde e amarelo. Só así se pode asegurar a gobernabilidade. Súmate a nós. Somos a Alternativa dos Veciños: comprometidos co local e pendentes dos problemas reais da veciñanza. Desde a experiencia, o diálogo, o traballo e bo facer.
Non vos defraudaremos!!!
REFLEXIÓN FINAL
Agora que chegaches até o final queremos agradecer que dedicases o teu tempo a coñecer as nosas liñas de actuación. Gustaríanos facerche unha proposta: cando vaias ás urnas este próximo domingo 28 de maio, pensa con detemento se realmente o teu Goberno municipal está a cumprir co mandato das súas veciñas e veciños. Pensa si mereces vivir nun concello sen Plan Xeral de Urbanismo, cunha oferta cultural e de ocio reducida, cunha falta de información sobre a xestión de goberno.
Sentes realmente que este Goberno representa a túa forma de entender o presente e o futuro para Arteixo?
Se non é así. Se cres que chegou o momento de que se teña en conta a túa opinión, de ter uns candidatos que se preocupen de verdade polo teu concello, polos problemas reais da xente e polo progreso da comarca con máis potencial de Galicia, elixe este proxecto. Elixe Alternativa dos Veciños como garante de renovación. Por un concello e unha comarca singulares e distinto. Hai Alternativa!