Ángel García Seoane será investido alcalde do Concello de Oleiros para o mandato 2023-2027 no pleno de constitución da nova corporación municipal que se celebra este sábado día 17 de xuño ás 12:00 horas no auditorio da Fábrica. O pobo de Oleiros outorgoulle a Alternativa dos Veciños nas recentes eleccións municipais 13 concelleiros, dous máis dos necesarios para a maioría absoluta.
Coa lexislatura que se inicia o sábado, serán 12 os mandatos nos que Alternativa dirixe a gobernabilidade de Oleiros. A xestión política realizada durante todos estes anos fixo posible un progreso ordenado e respectuoso co medio natural, elevando a calidade de vida do concello.
“Con esta nova maioría que nos outorgou o pobo de Oleiros traballaremos arreo para acadar novas infraestruturas viarias, melloraremos a protección do litoral con novas sendas, construiremos novos equipamentos culturais -multiusuos, museo…- e ante todo destinaremos máis recursos para continuar coas nosas políticas sociais e potenciar a cultura e o deporte, pensando principalmente nos máis novos”, dixo o alcalde Ángel García Seoane.