Alternativa dos Veciños Culleredo propón o aproveitamento público dos terreos do Raxo
Alternativa dos Veciños destaca a necesidade de destinar os terreos públicos do aparcadoiro do Raxo a un uso que permita o aproveitamento veciñal dos mesmos.
A raíz da moción presentada polo noso grupo no Pleno do Concello en decembro de 2015, o Goberno municipal viuse inmerso nun proceso xudicial que remataría coa Sentenza 0017/2017 de 3 de xullo. A citada moción, instaba á inmediata eliminación do peche de aramado e cadea do aparcadoiro do Raxo por consideralo na súa maioría como espazo público e pedindo tamén que no mesmo se instalase unha praza ou parque público para uso da veciñanza.
A día de hoxe e a pesar da nosa insistencia e as nosas propostas, o Goberno non lle deu ningunha utilidade aos terreos. Alternativa dos Veciños loitará por un uso público que redunde en beneficio para a veciñanza.