Alternativa de Arteixo preguntará no próximo pleno polas liñas de alta tensión
Os representantes de Alternativa dos Veciños de Arteixo preguntarán no próximo pleno pola eliminación do tendido eléctrico que atravesa a Urbanización de Sol y Mar e pola situación do proxecto de instalación dunha liña de Alta tensión do Parque Eólico de Monteagudo ao novo Polígono de Móras, xa que operarios da empresa Acciona xa estiveron a sinalizar por onde pasaría o cableado.
A pesar de non contar con representación na corporación xa que o único concelleiro que obtiveron nas pasadas eleccións foi expulsado e negouse a entregar a acta, Alternativa dos Veciños de Arteixo anunciou o pasado día 2 que participará en todos os plenos que celebre a corporación municipal, amparándose no Regulamento Orgánico Municipal, no regulamento de participación cidadá e na Constitución Española.
“Preguntaremos ao Goberno Municipal en todos os plenos que quedan por diante ata que remate a lexislatura, se realizaron algunha xestión para a eliminación das liñas de alta tensión que atravesan a Urbanización Sol y Mar e o Polideportivo Municipal de Galán, xa que non se pode permitir que despois de máis de 30 anos estes veciños e veciñas sigan sufrindo na súa saúde os efectos das radiacións. Tamén, preguntaremos sobre a situación do proxecto que pretende instalar unha liña de alta tensión desde o Parque Eólico de Monteagudo ata o novo Polígono de Morás. Un novo cableado de case 14 quilómetros que prexudicaría gravemente ao municipio de Arteixo. Afectaría gravemente o medio ambiente natural do municipio e a numerosas vivendas e parcelas” apunta Juanfran Martínez, coordinador de Alternativa en Arteixo.
“Aínda tendo en conta a dificultade debido ao horario, Alternativa anima á todos os veciños e veciñas que poidan e estean afectados tanto polas liñas de alta tensión de Sol y Mar como polo novo cableado de Monteagudo a Morás, a que asistan ao pleno e soliciten explicacións e solucións ao Goberno Municipal. O equipo de goberno non pode seguir escondido, debe dar a cara” matiza Juanfran Martínez.