Alternativa consegue que se cubran as vacacións da matrona no centro de saúde de Arteixo
Alternativa dos Veciños de Arteixo consegue que o Sergas reflexione e finalmente cubra as vacacións da única matrona da que dispón a atención primaria do municipio.
A principios de mes chegábanos a noticia de que o Sergas non tiña ningunha intención de cubrir as vacacións da única matrona da que dispón o municipio. Esta decisión por parte do Sergas, causaría un grave prexuízo para as mulleres do municipio que necesitan desta especialidade. Por suposto, tamén para a matrona, que á volta das súas vacacións atoparíase, unha vez máis, desbordada de traballo. Por iso, solicitamos ao Sergas que recapacitase e procedese a cubrir as vacacións da matrona titular.
Onte, informábannos de que finalmente o Sergas cubrirá as vacacións da matrona titular do centro de saúde de Arteixo.
Doutra banda, Alternativa dos Veciños continua a reiterar ao Sergas que cumpra o compromiso acadado no pasado mes de febreiro, por parte da Xerencia da Área Sanitaria da Coruña e Cee, de contratar outra matrona para o Centro de Saúde de Arteixo.