Un xeito distinto de enfocar a política cultural é facer ás persoas protagonistas e non simples espectadoras. Esa é a filosofía que imprime Alternativa na súa política cultural. Non só se programan espectáculos para disfrutalos, algo sen dúbida moi importante: tamén se producen, se protagonizan e se exhiben.
As tres escolas artísticas municipais naceron con ese obxectivo: formar nas artes da música, a danza e o teatro a toda persoa que queira participar tanto nas clases coma na vida cultural que traen consigo e que cada ano se manifesta nos distintos espectáculos da primavera.
O domingo encheron Santa Cruz co tradicional roteiro musical, con distintas formacións de varios paus e estilos que realizaron pequenos e garimosos concertos tanto no parque Luis Seoane coma en distintos puntos do paseo marítimo, co marabilloso escenario da bahía, o mar e o castelo.
Unha tranquila mañá chea de melodías e harmonías que pola tarde tomou o relevo con Mamma Mía, a produción que este ano puxo en marcha o staff e alumnado das escolas coa colaboración do coro La Tremenda Tremolina. Toda unha experiencia cultural darredor do musical de Abba, quizaves o exponente máis alto da cultura pop internacional.
Un espectáculo estreado en Mera e que non deixa indiferente a ninguén pola cantidade de xente, a magnífica interpretación e as espléndidas coreografías nas que participan alumnado das escolas de música e danza.